Ternera Gallega afiánzase no sector e mantén unha evolución sostida no mercado...
TERNERA GALLEGA AFIÁNZASE NO SECTOR E MANTÉN UNHA EVOLUCIÓN SOSTIDA NO MERCADO, ACADANDO UN CRECEMENTO MODERADO PRÓXIMO AO 2%
• A Denominación conta na actualidade con 73 industrias cárnicas e 7.119 ganderías inscritas. No pasado exercicio identificou preto de 105.000 tenreiros, certificou cerca de 75.000 canais e superou as 16.000 toneladas de carne comercializada, un 1,7% máis.
• Durante o ano 2010 os prezos en orixe experimentaron un crecemento do 1’8% e o volume de negocio en primeira venda superou os 83 millóns de €.
• O plan de actuación da IXP permitiu, a nivel produtivo e comercial, pór en marcha o Plan de regularización produtiva e asinar un Convenio con Acruga para potenciar a raza Rubia Galega e mellorar a súa comercialización no marco da IXP.
O presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, presentou hoxe as cifras correspondentes ao Informe de Actividade do ano 2010 desta Denominación de Calidade. Unha análise que se levou a cabo comparando as principais magnitudes do pasado exercicio coa media do último quinquenio 2005-2009 para acadar maior obxectividade na valoración do 2010. Un ano que se caracterizou polo afianzamento da IXP no sector de vacún de carne e pola súa evolución favorable e sostida no mercado, acadando valores de crecemento cercanos ao 2%, que se poden cualificar de moderados.
A pesar da conxuntura económica actual e da inestabilidade do sector, o número de ganderías inscritas na IXP experimentou un progresivo crecemento dun 7,2%, ata acadar as 7.119. Unha cifra salientable tendo en conta o contexto rural actual, onde a continuidade das explotacións está cada vez máis en entredito. En canto á evolución dos prezos en orixe, cómpre destacar a súa estabilidade e mesmo a lixeira subida que experimentaron (1,8%) con respecto a anos anteriores.
Medra constante na procura da máxima calidade
Os datos do 2010 evidencian, polo tanto, a confianza que os gandeiros galegos e os consumidores de toda España depositaron no labor que desenvolve Ternera Gallega e nas súas posibilidades produtivas e comerciais, caracterizándose polo seu incremento moderado. Deste xeito, o número de tenreiros rexistrados pola Denominación foi de case 105.000 cabezas; a certificación de carne amparada pola IXP creceu ata acadar preto de 75.000 canais e superáronse as 16.000 toneladas de carne comercializada. Neste contexto, Ternera Gallega convértese así nun dos piares esenciais para o sector de vacún de carne de Galicia, contando con 73 industrias cárnicas inscritas, unha cifra que aglutina á maioría das existentes na nosa Comunidade.
Á súa vez, o volume de negocio durante o ano 2010, tendo en conta as transaccións comerciais realizadas entre a industria e a distribución, superou os 83 millóns de euros, cifra que pon de manifesto a importancia das operacións que se efectúan e o valor engadido que achega Ternera Gallega ao sector de vacún de carne.
En materia de control, principal función e responsabilidade da IXP, imprescindible para gañar a confianza dos consumidores, realizáronse 20.669 inspeccións, 5.430 análises e 1.985 probas de ADN, que permitiron o seguimento da trazabilidade da carne ao longo da cadea, desde as explotacións gandeiras, as industrias e a distribución, ata os consumidores.
Por último no relativo á distribución xeográfica, a maioría dos produtores, tenreiros identificados e canais comercializadas co selo de Ternera Gallega concéntranse na provincia de Lugo, co 63% dos tenreiros e o 57% das canais certificadas.
Locomotora do agro galego e referente autonómico e estatal en vacún de carne
Á vista dos datos, Ternera Gallega actúa como dinamizadora do agro galego, logrando favorecer a continuidade das explotacións gandeiras e a fixación de poboación no medio rural. Para conseguilo, historicamente ten apostado pola potenciación do cebo de vacún en Galicia; fomentou o asociacionismo e a profesionalización no sector e loitou por recuperar a imaxe e o prestixio da carne galega, apostando pola implantación da trazabilidade e do etiquetado da carne.
Por todo isto, Ternera Gallega é na actualidade a referencia na comercialización de carne de vacún de calidade a nivel estatal, vendéndose principalmente en carnicerías tradicionais, supermercados (representan o 65% do total) e grandes superficies comerciais. O seu consumo repártase aproximadamente ao 50% entre Galicia e o resto de España, con crecementos sobre todo na Comunidade Valenciana, Cataluña, zona Centro e Aragón.
O prestixio acadado e a demanda xerada fan que a IXP incrementara progresivamente o posicionamento da súa imaxe corporativa nos establecementos de distribución alimentaria. O esforzo promocional que realiza a Denominación, xunto co labor nos puntos de venda, vén favorecendo a expansión e consolidación comercial da Indicación Xeográfica Protexida en toda España, superando un ano máis os 1.000 establecementos que comercializan Ternera Gallega.
Fitos estratéxicos do 2010: novo Regulamento da IXP e planificación da produción para mellorar a rendabilidade das explotacións gandeiras
Durante o pasado exercizo 2010 tivo lugar, a nivel regulamentario e normativo, a aprobación e publicación do novo Regulamento da IXP, a aprobación e difusión sectorial do seu Manual de Calidade e tamén se iniciou formalmente o proceso de acreditación da Denominación como entidade certificadora.
A nivel produtivo e comercial púxose en marcha un Plan de regularización produtiva para planificar os partos e ter unha produción máis regular e constante ao longo do ano. Firmouse un convenio co Instituto Galego de Consumo para facilitar o coñecemento sobre a carne de vacún da IXP entre os consumidores. E elaborouse e aprobouse un protocolo para establecer convenios sobre o uso do nome da IXP en produtos elaborados e semielaborados con carne certificada.
Por último, a nivel de comunicación, Ternera Gallega abriu as portas ás redes sociais posicionándose en Facebook, onde conta xa con máis de 3.100 simpatizantes e puxo en marcha unha Newsletter corporativa para informar puntualmente das novas do sector a todos os inscritos na IXP e demais interesados.
Previsións para 2011: na liña de valorizar o sector para fixar poboación no rural
A IXP significa unha oportunidade real de futuro para a produción de vacún de carne. Por iso encara este exercizo coa pretensión de manter a liña de valorización do sector para consolidar a continuidade das explotacións no agro galego. Ternera Gallega contempla no seu plan de actuacións para este 2011, entre outras accións, acadar a acreditación como entidade certificadora no marco da Norma Europa EN 45011, pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).
A nivel produtivo e comercial, centrarase no desenvolvemento do convenio asinado con Acruga, o pasado mes de novembro, para o fomento da produción da raza Rubia Galega e a mellora da súa comercialización. Tamén se prevé a sinatura dun Convenio coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) para potenciar as razas Morenas Galegas e posicionarse no mercado.
A nivel institucional manterá a súa colaboración coa Administración en proxectos de investigación e noutros que redunden en beneficio do sector; e a nivel social, reforzará o seu compromiso co sector e coa sociedade en xeral.
En materia normativa, a IXP aproveitará todas as posibilidades comerciais que lle permite o seu novo Regulamento e adecuará o seu programa de control de acordo coas normas vixentes, co seu Manual de Calidade e no marco da norma EN 45011.
Por último, a nivel promocional, a IXP continuará coa realización das súas campañas dirixidas aos consumidores para abrir e aproveitar novas oportunidades de mercado.