Medio Rural e Mar publica a convocatoria de axudas para a renovación de maquinaria agrícola
Medio Rural e Mar publica a convocatoria de axudas para a renovación de maquinaria agrícola na nosa comunidade
(medioruralemar.xunta.es 11/10/2012) Esta Orde enmárcase no establecido pola normativa comunitaria e estatal a prol dunha mellora da eficiencia enerxética, a rebaixa da sinistralidade e a procura dun menor impacto ambiental coa redución das emisións contaminantes. A Consellería do Medio Rural e do Mar publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde pola que se convocan para o ano 2012 as axudas para a renovación do parque de maquinaria agrícola da nosa Comunidade. Esta publicación enmárcase no establecido pola normativa comunitaria e estatal en relación coa necesidade de cumprir coa mellora da eficiencia enerxética, co fin de conseguir unha cota de aforro de carburantes, á vez que se rebaixan os índices de sinistralidade nas actividades agrícolas e forestais. Garantindo, unha vez máis, a convivencia entre agricultura e conservación da natureza e perseguindo un menor impacto ambiental mediante a redución das emisións contaminantes á atmosfera.
A finalidade destas axudas é o desmantelamento de tractores e máquinas automotrices vellas e a súa substitución por nova maquinaria máis moderna que permita mellorar as condicións de traballo do noso agro.
Prazo e orzamento
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. As axudas, financiadas con fondos da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, teñen un orzamento inicial que supera os 366.000 euros, podéndose incrementar con novas achegas no futuro.