O DOG publica hoxe o decreto que regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia
(medioruralemar.xunta.es 15/10/2012) O principal obxectivo desta norma é promover e favorecer a igualdade real e efectiva das mulleres no medio rural, a través do recoñecemento xurídico e económico da súa participación na actividade agraria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Decreto da Consellería do Medio Rural e do Mar polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA). O principal obxectivo desta regulación é promover e favorecer a igualdade real e efectiva das mulleres no medio rural, a través do recoñecemento xurídico e económico da súa participación na actividade agraria. A norma publicada hoxe ten tamén por obxecto dispoñer -de maneira permanente, integrada e actualizada- de toda a información precisa para un axeitado desenvolvemento do sector agrogandeiro galego e a súa planificación e ordenación, así coma o emprego dos datos rexistrais para a súa explotación con fins estatísticos. O obxectivo do REAGA é facilitar as relacións entre a Administración e os cidadáns mediante un rexistro veraz e actualizado dos seus datos, o cal determina as condicións que deben reunir as explotacións agrarias para seren destinatarias preferentes
das axudas públicas.
Seccións
As explotacións agrarias que integran este rexistro están clasificadas en tres seccións: Prioritarias, de Titularidade
Compartida e Outras Explotacións Agrarias. No caso das de Titularidade Compartida foi necesario dar cumprimento ao disposto nos artigos 6 e seguintes da Lei estatal 35/2011, de 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, e crear no REAGA unha nova sección para elas.