Juárez insiste en Bruxelas na necesidade de manter unha PAC forte que aposte pola actividade agraria

Juárez insiste en Bruxelas na necesidade de manter unha PAC forte que aposte pola actividade agraria
 
O conselleiro do Medio Rural asistiu na capital comunitaria ao Consello de Ministros da UE, en representación das comunidades autónomas españolas, responsabilidade que Galicia ostenta durante este semestre
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, insistiu hoxe na necesidade de manter, dentro da futura Política Agraria Común (PAC), unha aposta clara pola propia actividade agraria. Neste sentido, Juárez –que asistiu ao Consello de Ministros da UE en representación das comunidades autónomas españolas– dixo tamén que “a política rural da Unión non se ten que nutrir só dos fondos para a agricultura, xa que as políticas rurais son moito máis amplas” e atinxen a cuestións básicas para o desenvolvemento destas áreas, como son as infraestruturas os asuntos sociais ou a sanidade, que teñen unha incidencia directa –lembrou o conselleiro– á hora de facer do rural un lugar máis atractivo para vivir.
Na mesma liña, o titular de Medio Rural advertiu que, no debate aberto sobre o futuro desta política, Galicia é partidaria de que o financiamento para o rural non se limite a detraer recursos do primeiro piar da PAC. Dixo que non se pode desatender este píar (a política de mercados e de axudas directas ao agricultor), xa que resulta esencial para o mantemento da propia actividade agraria.
O conselleiro subliñou que a postura da maior parte dos estados membros diante da reforma da PAC é que esta política ten que contribuír ao desenvolvemento rural e a frear o seu despoboamento.
Sector avícola
Samuel Juárez explicou que outro dos temas que foi obxecto de estudo neste Consello foi o relativo á adaptación, dentro do sector avícola, das gaiolas poñedoras á nova normativa comunitaria de benestar animal. Lembrou que algúns países (sobre todo do leste de Europa) pediron unha nova moratoria para a entrada en vigor desta norma, que está prevista para o 1 de xaneiro de 2012 e que outros estados (entre eles España) non son moi partidarios desta demanda, porque xa fixeron un esforzo de adaptación.
Engadiu que estas esixencias relacionadas co benestar animal supoñen un sobrecuste na produción e non son, ademais, esixibles para países terceiros, polo que –advertiu— poden dar lugar a procesos de deslocalización, polo que pediu precaución na aplicación da normativa.
Alimentación animal
O conselleiro explicou tamén, por outra parte, que a delegación polaca incidiu na necesidade de acelerar a revisión da normativa da UE para permitir o uso de fariñas de orixe animal na alimentación de monogástricos (basicamente gando ovino e porcino), prohibida desde a chamada “crise das vacas tolas”.
Juárez amosouse de acordo con esta demanda, “sempre tendo claras as normas de trazabilidade e control”, porque noutros países occidentais, como Estados Unidos, Canadá, Brasil ou Australia, só se fixo efectiva a prohibición para os ruminantes, o que sitúa á UE nunha posición de desvantaxe competitiva.