A Xunta destina 14,8 millóns de euros aos proxectos dinamizadores do rural
A Xunta destina 14,8 millóns de euros aos proxectos dinamizadores do rural de Galicia na convocatoria 2012-2013
(medioruralemar 17/10/2012) Estas axudas van dirixidas ao desenvolvemento de servizos básicos para a economía e a poboación rural, a accións de conservación e mellora do patrimonio rural e ao fomento de actividades turísticas . Resolvéronse favorablemente 374 proxectos presentados por concellos ou mancomunidades de municipios que perseguen a mellora da calidade de vida e a diversificación da economía rural. A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 14,8 millóns de euros aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para os anos 2012-2013. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria destas subvencións cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013. En concreto, estas axudas xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) destínanse a servizos básicos para a economía e a poboación rural, a accións de conservación e mellora do patrimonio rural e ao fomento de actividades
turísticas. Os beneficiarios son concellos ou mancomunidades de municipios que coas súas iniciativas busquen a mellora das condicións de vida no rural, e que contribúan á implantación e mellora de servizos á poboación e a crear deste xeito condicións favorables neste eido. Neste caso os beneficiarios son 204 concellos e 6 mancomunidades de municipios. O crédito dispoñible nesta convocatoria é de 14,8 millóns de euros, que se dirixen aos 374 proxectos aprobados.
Proxectos
Resolvéronse favorablemente 231 proxectos da medida 321 na modalidade de servizos básicos á poboación rural, na que se inclúen centros de día para a terceira idade, centros sociais, pistas multideportivas, parques infantís, áreas recreativas ou pequenas prazas públicas, cun investimento de 9.260.511,42 euros; 55 proxectos na medida 321 para apoio ás enerxías renovables, colocación de paneis solares para o abastecemento de enerxía en instalacións deportivas ou centros sociais, entre outras actuacións, por un importe de 1.996.577,83 euros; 40 proxectos na medida destinada á conservación e mellora do patrimonio rural, por un montante de 1.751.384,11 euros; 34 proxectos da medida 313, dirixida ao fomento das actividades turísticas, entre eles páxinas web de promoción turística, creacións de áreas de servizo para autocaravanas ou puntos de atención turística e información ao peregrino, por un importe de 1.382.233,47 euros; e por último destináronse 499.000 euros
a canceiras e paneis informativos, cun total de 14 proxectos aprobados. Os proxectos aprobados están dirixidos a mellorar a calidade de vida no rural e á súa diversificación socio-económica, potenciando tamén as actividades turísticas ou deportivas. Todos eles adáptanse ás particularidades de cada zona de Galicia, e son priorizados polos concellos en función das súas necesidades.