A marca “Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega" cumpre un ano
A marca “Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega" cumpre un ano, cunha favorable presenza no mercado
Preto de 4.500 canais certificadas e máis de 983.000 quilos de carne vendidos nestes 12 meses confirman a súa potencialidade. É o resultado do compromiso de ambas entidades coa defensa e o fomento do sector de vacún de carne de calidade en Galicia, tanto desde o punto de vista da potenciación da raza Rubia Galega como da mellora da súa comercialización no marco da IXP Ternera Gallega. O marchamo de carne de vacún de calidade “Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega” cumpre un ano de vida con aceptables cifras e expectativas de negocio. Nacida ao amparo do convenio de colaboración entre a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA), conta na actualidade xa cunha certa demanda e presenza nos mercados de carne. A colaboración entre as dúas entidades, ambas referentes no sector cárnico de calidade en Galicia, naceu co obxectivo clave de sumar forzas para desenvolver e fomentar os sistemas de produción de carne en explotacións tradicionais con vacas nais, que son a base da categoría Ternera Gallega Suprema, así como para potenciar a raza Rubia Galega e mellorar a súa comercialización, poñendo en valor o carácter específico diferenciador da xenética desta raza, debidamente acreditada por Acruga. O balance, dado a coñecer hoxe polos presidentes da IXP Ternera Gallega e de Acruga, Jesús González Vázquez e César Dorado Pin respectivamente, presenta cifras positivas, tendo en conta o contexto actual. Un total de 4.454 canais certificadas e de 983.207 quilogramos de carne comercializados son as principais magnitudes que deu de si este primeiro ano. A medición por mes, permite falar dunha media de máis de 350 canais certificadas con picos de máis de 400 canais, o que dá idea da dimensión que acadou a marca durante este período. Traballo de campo e frutificación da marca. Trala firma do convenio de colaboración en novembro de 2010, tiveron lugar varias reunións de traballo entre as dúas entidades que desembocaron na realización dos oportunos controis sobre a orixe, o manexo, o estado sanitario, a alimentación dos tenreiros e as comprobacións raciais durante os meses posteriores, para poder comercializar con este marchamo todos aqueles tenreiros, machos ou femias, nados e criados en Galicia. Polo tanto, baixo a marca “Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega”, só se pode comercializar, na actualidade, a carne de calidade procedente de tenreiros das explotacións gandeiras inscritas no Consello Regulador da IXP, que superasen todos os controis que establece o Regulamento da Denominación, e que estean inscritos no Rexistro de nacementos do libro xenealóxico da raza Rubia Galega ou que reúnan as características do seu estándar racial. Tanto a IXP Ternera Gallega como Acruga consideran fundamental a colaboración entre as dúas entidades, e coas demais asociacións, cooperativas e organizacións con intereses e competencias en relación co sector de vacún de carne de calidade, para o desenvolvemento dun programa de difusión e fomento da raza Rubia Galega e a súa promoción no conxunto do sector agrogandeiro en Galicia, así como a potenciación da produción e comercialización da carne de vacún de calidade. ACRUGA, conservación e mellora da Raza Rubia Galega. Acruga é unha entidade recoñecida polas Administracións públicas, que se encarga da defensa, fomento e potenciación da raza Rubia Galega, así como da súa selección e mellora xenética e da xestión do Libro Xenealóxico da citada raza. A súa sede está en Lugo e na actualidade conta con 2.500 gandeiros. No Libro Xenealóxico da raza Rubia Galega están inscritas 65.000 cabezas, das cales aproximadamente a metade son femias reprodutoras.
Ternera Gallega, máxima dignificación do vacún de carne de calidade A IXP Ternera Gallega é unha entidade inscrita nos rexistros da Unión Europea como IXP, cuxas funcións son o control integral, a certificación e a promoción da carne de calidade procedente dos tenreiros nacidos, criados e sacrificados en Galicia, de acordo co establecido no seu Regulamento e no seu Manual de calidade. Na actualidade, a Denominación conta con máis de 7.500 explotacións gandeiras inscritas onde se identifican máis de 114.000 tenreiros ao ano. Nas 77 industrias rexistradas certifícanse preto de 80.000 canais, que significan máis de 17.000 toneladas de carne, cun valor en primeira venda superior aos 90 millóns de euros. A carne certificada por Ternera Gallega comercialízase en máis de 1.200 establecementos de venda espallados por toda España, significando aproximadamente o 50% do consumo total de carne de vacún de calidade.