Novos retos da produción de vacún de carne para mellorar a rendibilidade das explotacións

Novos retos  da produción de vacún de carne para mellorar a rendibiliadade  das explotacións gandeiras de Ternera Gallega
A Indicación Xeográfica Protexida TERNERA GALLEGA reinicia o seu programa de charlas informativas sobre a regularización da produción, a fin de acadar mellores prezos e seguir consolidando a posición da IXP no mercado de vacún de carne desde a dimensión técnica, económica e comercial da produción e reprodución da cabana gandeira. As xornadas desenvolveranse durante os meses de novembro e decembro nos concellos lugueses de Vilalba, Sarria, Fonsagrada e Friol, e no coruñés das Pontes de García Rodríguez. Nas sesións técnicas analizaranse aspectos técnicos relacionados coa alimentación, o manexo, a reprodución e a xenética do gando e incorporaranse experiencias reais de gandeiros que xa puxeron en práctica este sistema reprodutivo nas súas explotacións e que están obtendo os primeiros resultados en positivo. Tamén se aproveitará para falar das vantaxes dos seguros agrarios e das calidades xenéticas da raza Rubia Galega. Consciente da importancia da planificación para lograr a regularización da produción a fin de acadar mellores prezos e consolidar a posición da carne de Ternera Gallega no mercado, a Indicación Xeográfica Protexida prosegue co seu programa de charlas informativas nos principais concellos galegos produtores de carne de vacún de calidade en Galicia. Experiencias de gandeiros que xa implantaron nas súas explotacións este sistema reprodutivo cos primeiros resultados, seguros agrarios e as calidades xenéticas da raza Rubia Galega centrarán tamén o contido das novas sesións. As dúas primeiras xornadas, a cargo do director de Promoción da IXP, Luís Vázquez, e da secretaria executiva da Asociación Nacional de Criadores de Gando de Raza Rubia Galega (ACRUGA), Ángeles Moreno, terán lugar de acordo co seguinte calendario:


Vilalba: Centro cultural e Recreativo (Praza da Constitución)-Luns, 12 de novembro-19:30 horas
Sarria: Hotel Alfonso IX (Rúa do Peregrino 29)-Martes, 13 de novembro-19:30 horas

Fonsagrada: Salón de Actos Municpal Os Chaos - Luns 26 de novembro-19:30 horas

Dirixidas fundamentalmente a gandeiros, as sesións analizarán en profundidade a situación actual do mercado de vacún de carne a tentarán dar resposta ás dúbidas e consultas máis frecuentes en materia de produción e reprodución dos rabaños, así como buscar as solucións técnicas máis axeitadas para resolver os problemas que se presentan na práctica cotiá do manexo do gando nas explotacións.
O contexto
Nas explotacións de vacún de carne, a parideira da primavera é moito maior, ocasionando un dos principais problemas cos que se enfrontan os gandeiros no seu día a día, o que provoca a descompensación estacional que desde hai anos existe entre a oferta da carne amparada pola IXP e a súa demanda. Eses nacementos da primavera saen ao mercado nos meses finais do inverno seguinte, que, por riba, que coinciden cos de menor consumo de carne de vacún. Polo tanto, hai un maior número de animais para o sacrificio, é dicir, un exceso de oferta. As consecuencias son unha baixada xeralizada de prezos e o problema engadido da saturación do mercado,  derivando nun desequilibrio entre a produción e a comercialización. Situación que se invirte nosmeses de verán, época na que a maior demanda de carne coincide temporalmente coa súa menor oferta, xa que hai un déficit de animais para sacrificio porque a parideira de outono é bastante menor.
A solución
A planificación da produción das gandarías e, en particular, unha axeitada programación dos partos, é unha das solucións que permitiría regularizar os sistemas produtivos e resolver estes problemas. É fundamental un correcto manexo do rabaño, así como o coñecemento das características reprodutivas e de alimentación das femias das gandarías inscritas na IXP, principalmente da raza Rubia Gallega, que sustentan a produción de carne certificada. Son solucións que exporán en amplitude os responsables da Denominación, implicando a toda a cadea produtiva, industrial e comercial en xeral; aos gandeiros en particular, e a todo aquel estamento relacionado co sector de vacún de carne de calidade en Galicia.