A Xunta desenvolveu o pasado ano 84 medidas concretas

A Xunta desenvolveu o pasado ano 84 medidas concretas para establecer novos modos de produción máis rendibles, eficientes e respectuosos co medio ambiente
(medioruralemar.com  05/11/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar en funcións participou na inauguración do congreso do grupo intergubernamental IPCC sobre o cambio climático da ONU. O Executivo galego aposta pola sostibilidade para saír da crise económica e deseñou accións de observación e investigación, redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e de adaptación e sensibilización, co obxectivo de mitigar o cambio climático. Rosa Quintana aposta por aproveitar o potencial de Galicia, cun 60% de territorio forestal, como sumidoiro de carbono para loitar contra o cambio climático. A loita contra o cambio climático e a transición de cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible é un dos obxectivos da Xunta, que o considera clave para saír da crise económica. Así o dixo a conselleira de Medio Rural e do Mar en funcións, Rosa Quintana, na inauguración do congreso sobre o cambio climático do grupo intergubernamental IPCC que se está a celebrar en Vigo e no que participan expertos de 56 países diferentes.Quintana especificou que no 2011 a Xunta desenvolveu 84 medidas de accións nos ámbitos de observación e investigación, redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e de adaptación e de sensibilización. Ao tempo, suxeriu que os gobernos subestatais “poidan ter máis peso na elaboración de políticas de mitigación, a fin de aproveitar ao máximo as competencias e a experiencia da que dispoñen, así como a súa proximidade cos cidadáns e axentes sociais”.A conselleira en funcións sostivo que a prioridade do Goberno galego nesta materia é disociar o crecemento económico da degradación ambiental e o uso de recursos, “investindo en innovación e aproveitando sinerxias para establecer novos modos de producir e consumir máis rendibles, eficientes e respectuosos co medio ambiente”. Non obstante, recoñeceu que que a loita contra o cambio climático “non é unha tarefa doada” e que o executivo autonómico busca máis implicación nas empresas.Precisamente ás pequenas e medianas empresas son ás que a Xunta quere prestar un maior apoio

“evitando que se decanten por modelos de crecemento rápido a costa do medio ambiente”. A titular do Medio Rural e do Mar en funcións explicou que “é responsabilidade do Goberno facerlles entender que a sostibilidade é clave na saída da crise que estamos a vivir e o único que permitirá acadar a meta da prosperidade económica, social e ambiental”.Quintana avogou polo aproveitamento dos recursos como una gran oportunidade para avanzar na loita contra o cambio climático e fixo referencia ao aproveitamento do monte como sumidoiro de carbono, dado que Galicia conta cun 60% de territorio forestal.“Unha relación equilibrada entre o home e a contorna é a mellor garantía de futuro” dixo Quintana. E engadiu que o aproveitamento da nosa contorna favorecendo actividades como o turismo, a actividade cinexética, a agricultura ou a exploración dos recursos mariños baixo criterios de sostibilidade “poden constituír unha importante fonte de riqueza e emprego de calidade”.