Ternera Gallega cos profesionais da carne de Valladolid
En colaboración co Gremio Provincial de Empresarios Carniceiros de Valladolid, a Indicación Xeográfica Protexida organiza
unha serie de encontros comerciais nesta cidade. Ofrece ademais unha sesión técnica sobre as calidades, o control e a
trazabilidade da carne amparada pola IXP, as actividades promocionais e os convenios de colaboración cos puntos de venda, entre outros aspectos de interese sobre a carne de vacún.A xornada terá lugar o próximo 19 de novembro, luns, no Hotel Meliá Olid Valladolid (Plaza de San Miguel, 10) a partir das 19:30 horas.A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega desembarca en Valladolid para dar a coñecer en detalle aspectos técnico-produtivos e comerciais da súa carne de calidade aos profesionais carniceiros, charcuteiros e detallistas da cidade. Directivos de Ternera Gallega, algunhas das principais industrias cárnicas inscritas na Denominación, e o presidente do Gremio Provincial de Empresarios Carniceiros e Charcuteiros, Juan José Olmos, manterán reunións de negocio personalizadas cos profesionais do sector que así o soliciten.Os encontros comerciais compleméntanse cunha sesión técnica, seguida dun coloquio, na que se profundará en aspectos relacionados coas calidades, o control de calidade e a trazabilidade da carne amparada pola Indicación Xeográfica Protexida; o programa que desenvolve en materia de promoción; o uso da imaxe corporativa e os convenios de colaboración cos establecementos de venda, así como outras cuestións de interese sobre o sector de vacún de carne de calidade.O programa completarase cunha degustación de carne certificada pola IXP Ternera Gallega a disposición de todos os participantes, que gozarán da súa preparación baixo diferentes usos culinarios.
Ternera Gallega, máxima dignificación do vacún de carne de calidade
Ternera Gallega é unha entidade inscrita nos rexistros da Unión Europea como IXP, cuxas funcións son o control integral, a
certificación e a promoción da carne de calidade procedente dos tenreiros nados, criados e sacrificados en Galicia, de acordo co establecido no seu Regulamento e no seu Manual de Calidade. Na actualidade, a Denominación conta con máis de 7.500 explotacións gandeiras inscritas onde se identifican máis de 114.000 tenreiros ao ano. Nas 77 industrias rexistradas certifícanse preto de 80.000 canais, que significan máis de 17.000 toneladas de carne, cun valor en primeira venda superior aos 90 millóns de euros. A carne certificada por Ternera Gallega comercialízase en máis de 1.200 establecementos de venda repartidos por toda España, significando aproximadamente o 50% do consumo total de carne con selo “Indicación Xeográfica Protexida”.