A Xunta destaca a importancia dos Grupos de Desenvolvemento Rural
A Xunta destaca a importancia dos Grupos de Desenvolvemento Rural na optimización dos recursos e oferta de oportunidades (medioruralemar.xunta.es 07/11/2012) O director xeral de Desenvolvemento Rural participou na inauguración do “Congreso de Desenvolvemento Rural e LEADER: Horizonte 2014-2020” . A Xunta destaca a importancia e o papel dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) na optimización dos recursos e oferta de oportunidades do rural galego. Así o manifestou hoxe en Santiago o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, na inauguración do “Congreso de Desenvolvemento Rural e LEADER:
Horizonte 2014-2020”.O director xeral salientou o traballo destes grupos no desenvolvemento rural e animou aos presentes a seguir traballando ante o novo marco que xurde no período 2014-2020, posto que “hai que optimizar recursos e tratar de priorizar os proxectos neste contexto económico”. Un novo período que se achega con importantes cambios, entre eles o procedemento de codecisión ás propostas lexislativas emanadas da Comisión, participando o Parlamento e o Consello no texto final aprobado; e as esixencias de cofinanciación por parte dos Estados Membros á política de desenvolvemento rural e políticas rexionais que serán superiores ás actuais e suporá un esforzo moi importante para as administracións. Ante estes cambios, Antonio Crespo explicou que “é preciso que todos os GDR sumen forzas e representen o rural de Galicia”, mediante a interacción con todos os axentes do territorio para levar adiante uns obxectivos abarcables, deseñados dende a proximidade e o coñecemento que estes axentes teñen do territorio.
Congreso
A celebración deste congreso ten como finalidade facer reconto e reflexión de todas as actividades que serven para a xeración de rendas e a fixación de poboación no rural, con especial incidencia nas dotacións e servizos que garantan unha calidade de vida equiparable á dos contornos urbanos.Ao longo deste encontro tamén se abordarán temáticas de gran interese como o desenvolvemento rural nos territorios extremos, tanto os periurbanos como os máis despoboados. Así como o papel xogado no pasado, presente e futuro polos axentes máis importantes e decisivos como son a administración local, as cooperativas, as asociacións, os mozos e as mulleres.