Medio Rural e Mar ordena máis de 65 mil pagos de varias axudas da PAC
Medio Rural e Mar ordena máis de 65 mil pagos de varias axudas da PAC por un importe total que supera os 95 millóns de euros
(medioruralemar.xunta.es 05/12/2012) Especificamente para o sector lácteo, realízase o pago da axuda para compensar as desvantaxes que afectan aos produtores do vacún de leite. A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) ordenou hoxe a transferencia de 65.742 pagos de varias axudas directas a explotacións agrarias derivadas da Política Agraria Común (PAC) por un importe de 95.268.941,22 euros. Este importe –sumado aos 41.059.674,61 euros pagados xa no mes de outubro como anticipo (máximo 50% da axuda do pago único)–supón un total de 136.328.615,83 euros que terá recibido o sector como axudas directas á agricultura e á gandería solicitadas neste ano e financiadas polo Fondo Europeo Agrario de Garantía (FEAGA). O pago mais importante é o correspondente ao réxime de pagamento único por explotación, desligado da produción, que se ven aplicando desde o ano 2006, e que recibirán 31.274 agricultores galegos por un importe total (anticipo máis saldo) de 91.599.432,14 euros. Tamén se realiza, por primeira vez nestas datas –debido ás peculiaridades da xestión desta axuda– o pago do 100% da prima por vaca nutriz, o que supón un adianto de máis de 4 meses sobre o que viña sendo habitual. Deste pago benefícianse 9.947 produtores de carne de vacún, por un importe de 20.096.909,21 euros. Ademais, tamén por primeira vez nestas datas e cun adianto de máis de 5 meses respecto do habitual, neste sector da carne de vacún págase o 80% da axuda para compensar as desvantaxes especificas que afectan aos agricultores que manteñen vacas nutrices. O pago desta axuda ascende a 3.816.904,75 euros, beneficiando a 14.525 produtores. Especificamente para o sector lácteo, realízase o pago da axuda para compensar as desvantaxes específicas que afectan aos produtores do sector de vacún de leite. A través desta axuda, 9.666 gandeiros de leite reciben un total de 20.744.369,33 euros. Por último, realízase tamén un pago específico por un importe de 71.000,40 euros destinado a 330 gandeiros de cabrún con explotacións situadas en zonas desfavorecidas e que teñan polo menos 10 cabras. Do importe total pagado agora (95.268.941,22 euros) a meirande parte corresponde á provincia de Lugo cun 52 %. Estas axudas da PAC, que se solicitaron do 1 de febreiro ao 30 de abril do ano 2012, baséanse nos dereitos de pagamento único, nas superficies e parcelas cultivadas, e nos animais e, tras os exhaustivos controis administrativos e sobre o terreo, efectúase o pago, que ten un período establecido pola Unión Europea que vai do 1 de decembro de 2012 ao 30 de xuño de 2013, aínda que neste ano 2012 a Comisión permitiu o pago dun anticipo a partir do 16 de outubro. Durante o mes de decembro faranse novos pagos, previndo ter abonado a finais de ano un 92% do pagamento único de Galicia.