«Temos tirón, o noso produto estase vendendo ben»

Entrevista presidente IXP Ternera Gallega

(lavozdegalicia.es 17/12/2012) A carne de vacún é un dos alimentos que se resenten da crise económica. Pero se salva desta escabechina unha das xoias do sector primario galego: a tenreira que se comercializa baixo a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, e que está sometida a estritos controis de calidade. O presidente do consello regulador da marca, Jesús González Vázquez, respira tranquilo, de momento, porque as ventas medran.
-Entón, o consumo de tenreira galega non baixa.
-Imos en sentido contrario á tendencia xeral. O noso volume de produto comercializado aumentou tanto no 2011 como no 2010, mantemos unha tendencia de crecemento medio dun 5 % por ano.
-¿Que cantidade de carne Ternera Gallega comercializan ao ano?
-En torno a dezasete millóns de quilos. Contamos con 7.500 produtores asociados, que posúen 114.000 tenreiros e 80.000 canais. Incluso experimentamos un lixeiro crecemento no número de gandeiros.
-¿Por que cree que Ternera Gallega si vende?
-Hai un prestixio diante do consumidor. Á xente lle preocupa tamén a calidade dos produtos que consume, e no caso de tenreira galega está garantizada. Pero tamén conseguimos medrar e darlle saída á carne dos nosos socios porque temos máis presenza no mercado, coa apertura de máis puntos de venta nun ámbito de actuación más amplo. Estamos facendo un esforzo importante en promoción para dar a coñecer o noso produto e creo que está dando resultados.
-¿Como ve o ano 2013?
-Difícil, pero hai que seguir estando aí. A verdade é que están sendo anos complicados polo encarecemento das materias primas e da enerxía eléctrica. De feito, o grande risco para os produtores de vacún de carne é a escalada de prezos dos pensos.
-Pero manteñen as vendas. ¿É a costa de perder cartos ou de baixar o prezo final de venda do produto?
-O noso produto estase vendendo aceptablemente ben, cun crecemento suave e sostido, pero ese tirón non se ve recompensado nas ganancias, efectivamente. Os produtores gañan menos que antes, é difícil trasladar eses gastos adicionais ao consumidor porque os billetes xa non caen dos bolsillos da xente.
-Pero a carne de Ternera Gallega é máis cara que calquera outra de vacún.
-Si. O produtor de Ternera Gallega cobra entre 0,50 e 1 euro máis por canal e o consumidor paga en torno a un 15 % máis pola nosa carne.