Remata con éxito o programa Life “O monte vivo”, promovido pola Xunta e as asociacións forestais

Remata con éxito o programa Life “O monte vivo”, promovido pola Xunta e as asociacións forestais Silvanus e Asefoga
(medioruralemar.xunta.es 21/12/2012) Responsables de Medio Rural e Mar, a Asociación Profesional de Silvicultores (SILVANUS) e a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) fixeron hoxe balance do proxecto, que remata neste 2012. Os socios do proxecto educativo e divulgativo “O monte vivo” –desenvolvido ao abeiro do programa Life da Unión Europea– coincidiron hoxe en destacar o éxito desta iniciativa, que promoveron a Xunta, a Asociación Profesional de Silvicultores (SILVANUS) e a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) e no seu interese de seguir colaborando no futuro nesta mesma liña. Así o puxeron de manifesto hoxe, na xuntanza de peche deste proxecto, que remata este ano e que tivo como obxectivo fundamental o de fomentar a toma de conciencia da poboación en xeral e dos máis pequenos en particular sobre o necesario coidado, conservación e posta en valor da nosa riqueza forestal. Centrouse en concreto en acadar unha redución do número de incendios

no monte de orixe intencionada ou neglixente. O programa LIFE é o instrumento financeiro da Unión Europea destinado a apoiar proxectos relacionados coa conservación da natureza e o respecto ao medio ambiente. Neste caso concreto, o proxecto “O monte vivo” tivo como principal obxectivo cambiar determinados comportamentos da poboación en relación cos incendios forestais, mediante a participación activa e responsable dos cidadáns na protección dos bosques. E permitir, ao tempo, que tomen conciencia do seu uso sostible, contribuíndo á

protección da biodiversidade, co fin último de acadar unha redución do número de lumes de orixe intencionada ou neglixente. A campaña centrouse en incrementar a concienciación sobre os incendios forestais e a súa influencia sobre o equilibrio ecolóxico, as perdas que supón en canto diminución da biodiversidade, da capacidade produtiva do monte, da calidade das augas ou do ocio. Explícanse cales son as principais causas dos incendios, as medidas de prevención, a regulación do uso do lume e a necesidade da participación dos cidadáns na conservación do medio natural.
Accións do proxecto
As accións levadas a cabo dentro deste proxecto centráronse en campañas para incrementar a concienciación, dirixidas por unha banda á poboación escolar dos centros educativos de Galicia, a través de actividades presenciais, traballos do alumnado con ferramentas web e a participación en concursos de debuxo e redacción. Por outra banda, organizáronse actividades dirixidas aos propietarios forestais e á poboación das áreas rurais en xornadas técnicas, presenza en talleres, feiras como ExpoOrdes, a Internacional de Silleda, Galiforest, etc. Finalmente, programáronse cursos online de formación orientados aos axentes forestais da Consellería do Medio Rural e do Mar, para a mellora da divulgación da prevención e defensa contra os incendios forestais, a través dunha actualización de coñecementos técnicos e da potenciación das habilidades comunicativas. Neles

participaron un total de 128 axentes.