A Xunta reforzará en 2013 as políticas de desenvolvemento rural

A Xunta reforzará en 2013 as políticas de desenvolvemento rural aumentando case un 25% os fondos para este fin

(medioruralemar.xunta.es 28/12/2012) A conselleira do Medio Rural e do Mar asistiu hoxe ao Padroado do Centro Tecnolóxico da Carne en San Cibrao das Viñas. AGADER incrementa os orzamentos destinados a apoiar proxectos de desenvolvemento rural en 9,7 millóns de euros. Medio Rural e Mar aumenta as axudas para plans de mellora das explotacións agrogandeiras e para a incorporación de mozos. Rosa Quintana eloxiou o traballo que realiza o Centro Tecnolóxico da Carne, que pasou de ser financiado ao 100% pola Xunta a precisar tan só un 26,5% grazas aos fondos que proveñen das actividades e servizos que está a prestar ás empresas agroalimentarias galegas.A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) incrementará o vindeiro ano os seus orzamentos destinados a apoiar proxectos de investimentos no rural preto dun 25% pasando de 39,7 a 49,4 millóns de euros. Así o asegurou esta mañá a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, ao remate do Padroado do Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA) en San Cibrao das Viñas. O ano 2013 suporá un reforzo notable das políticas de desenvolvemento rural de Galicia, e con tal motivo o orzamento de AGADER elévase en todos os capítulos e programas destinados a este fin cunha achega total de 49,4 millóns de euros. O orzamento global da axencia aumenta en máis de 9,7 millóns de euros respecto do exercicio anterior. Só no programa de elaboración de plans, estudos e novos proxectos de desenvolvemento rural –os chamados proxectos dinamizadores–, pásase de 13,2 a 18,6 millóns de euros cun aumento de 5,4 millóns (41%).Este incremento vai parello á aposta que fai a Consellería nos orzamentos deste ano para a mellora da competitividade dos

sectores produtivos agrogandeiros, especialmente do lácteo, onde se incrementan as axudas para plans de mellora das explotacións e especialmente a incorporación de mozos (esta última pasa de 7 a 8,7 millóns de euros).
CETECA
Na reunión que hoxe presidiu a conselleira aprobáronse os orzamentos para o ano 2013 do Centro Tecnolóxico da Carne, así como as actividades que está a desenvolver. Rosa Quintana aproveitou a ocasión para felicitar o labor deste centro, que comezou cunha financiación da Xunta do 100% e que, a día de hoxe, só precisa dun 26,5%. O resto dos fondos proveñen das actividades e servizos que está a prestar ás empresas agroalimentarias galegas. A titular de Medio Rural e Mar quixo tamén destacar o traballo do persoal investigador do centro que, na actualidade, participa en 20 proxectos de investigación, dos cales 16 son de ámbito autonómico, 2 nacional e 2 internacional.