Ternera Gallega participou nas xornadas sobre os retos da carne de vacún de calidade

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega participou, o pasado venres 4 de marzo, nas xornadas sobre os retos aos que se enfronta o sector da carne de vacún en Galicia, que tiveron lugar no concello lucense de A Fonsagrada.
O director de Promoción e Relacións Externas da IXP, Luis Vázquez, foi o encargado de abrir o turno de relatorios, reflexionando sobre as tendencias de mercado e o consumo da carne de vacún de calidade á vez que analizou o valor da IXP na comercialización da carne fresca.
Así mesmo Ternera Gallega tamén participou na mesa redonda sobre as potencialidades da carne de calidade nas zonas de montaña, da man do seu presidente, Jesús González Vázquez, que estivo acompañado por outras autoridades e profesionais do sector entre os que cómpre destacar o subdirector de Gandaría da consellería do Medio Rural, Manuel Catro-Gil Amigo, o xefe de produción de vacún  de carne de Coren, Jaime Llena Balañac, e o presidente de Acruga, César Dorado Pin.
Durante o encontro, que foi clausurado polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, tamén se abordou a eficacia na relación do produtor co matadoiro, a produción de carne en Galicia tendo en conta o marco de reforma da PAC e desgranouse a situación actual e as perspectivas de futuro do sector.