Rosa Quintana: “a Xunta aposta por potenciar os sectores primarios
Rosa Quintana: “a Xunta aposta por potenciar os sectores primarios e por apoiar os proxectos produtivos no rural e o mar”
(medioruralemar.xunta.es 17/01/2013) A Xunta aposta, na súa acción política, “por potenciar os sectores primarios e por apoiar os proxectos produtivos” no medio rural e marítimo pesqueiro de Galicia. Así o reafirmou a conselleira Rosa Quintana esta mañá, nunha entrevista en Televisión de Galicia na que deu conta das liñas xerais dos orzamentos da Consellería para 2013 –que onte explicou na súa comparecencia na Cámara autonómica–.A titular de Medio Rural e Mar defendeu o concepto de Galicia como produtora. Neste sentido, Rosa Quintana destacou o compromiso do Goberno galego co medio rural, que se pon de manifesto “con medidas concretas coma o incremento de 1,7 millóns de euros para fomentar a incorporación de mozos á actividade agrogandeira”. Lembrou ademais que cada ano se incorporan a este eido na nosa Comunidade arredor de 400 mozos.
Altura de miras
En relación co servizo de Gardacostas de Galicia e co operativo de loita contra incendios forestais, advertiu que ambos quedan blindados nos orzamentos para 2013 e pediu altura de miras dos representantes políticos para que non fagan demagoxia con temas coma estes.Sobre o lácteo, Rosa Quintana destacou o traballo conxunto coas organizacións profesionais agrarias a prol do sector e indicou que nos orzamentos de 2013 consignouse unha achega de 800.000 euros para axudar de forma inmediata ás explotacións con máis dificultades. Amosou, ao tempo, a súa confianza en que se consolide a suba do prezo do leite rexistrada nos últimos meses, que permitirá dar continuidade á actividade das explotaciónsPreguntada polo futuro das políticas agrícola e pesqueira da UE, sobre esta última a conselleira dixo que “estamos na recta final, este ano vai ser moi importante e confío en que –co esforzo que se está facendo– o noso sector poderá traballar sen sobresaltos”. En canto ao problema do furtivismo, Rosa Quintana destacou os esforzos da Xunta para loitar contra esta lacra e que está aberto o debate para contemplalo como delicto penal. Salientou tamén a importancia da conciencia social no sentido de non consumir produtos fora das canles legais establecidas.