Ternera Gallega doa material educativo ao Hospital Lucus Augusti de Lugo

O compromiso social da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega ten diferentes manifestacións cotiás en diversas áreas de traballo e colectivos. As accións de carácter benéfico teñen unha especial significación, entre elas as doazóns. Exemplo disto é a doazón de material educativo e de lecer ás escolas infantís dos hospitais galegos, no marco dunha colaboración que se desenvolve desde hai varios anos.
O director de Relacións Externas da IXP, Luis Vázquez, efectuou a entrega a responsables do HULA, entre os que cómpre mencionar o director de Enfermería, Alfredo Moreno, e a supervisora da Unidade Pediátrica, Fernanda Fernández. Nos vindeiros meses farase efectiva esta doazón aos demais complexos hospitalarios de Galicia.
Aprender e xogar, o binomio perfecto para os máis pequenos.
Os lotes de material están compostos por libros-xogo educativos para nenos de 0 a 2 anos, libros de literatura infantil e xuvenil, novelas xuvenís históricas, tomos recopilatorios de cómics e varios DVDs de carácter educativo. A colección, formada por 38 elementos e complementada con diverso material divulgativo de Ternera Gallega, foi seleccionada segundo criterios de idade, bilingüismo, calidade e popularidade.
Con esta iniciativa benéfica, a IXP pretende facer máis agradable a estancia dos nenos hospitalizados. Ás escolas infantís acoden durante o período de internamento rapaces ingresados na planta de pediatría, con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, en fase de escolarización.
Unha longa traxectoria de compromiso social
A colaboración coas escolas infantís dos diferentes hospitais galegos é unha das mostras que reflicte o valor que outorga Ternera Gallega ás accións de carácter social. Desde a súa creación, e sempre no marco das súas posibilidades, a IXP vén destinando parte dos seus esforzos ás actividades solidarias, implicándose en proxectos sociais que contribúan a mellorar a vida das persoas. Ademais desta iniciativa, e na súa liña de apoio e compromiso constante coa sociedade, colabora tamén con diversas organizacións sen ánimo de lucro como son a Asociación Española contra o Cancro, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer ou a Asociación de Parapléxicos e Grandes Discapacitados, favorecendo a recadación de fondos para financiar os proxectos que estas entidades poñen en marcha a prol  dos máis desfavorecidos.