Ternera Gallega crece un 7% no 2012

A Denominación conta na actualidade con 7.654 gandarías e 71 industrias e comerciais cárnicas inscritas. No pasado exercicio identificou máis de 116.000 tenreiros, certificou case 85.000 canais e superou as 18.000 toneladas de carne comercializada. Durante o ano 2012 Ternera Gallega comercializouse en máis de 1.250 establecementos  e o volume de negocio en primeira venda, entre a industria e a distribución, acadou os 99,2 millóns de €, cun incremento do 8,7%. A IXP asómase a este 2013 cun plan de accións no que se contempla a actualización do seu Programa de Control, potenciación no mercado da marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, aplicación do seu Plan de regularización produtiva, investigacións sobre a calidade da carne certificada e novos acordos de colaboración coa distribución.A pesar do difícil contexto económico, tanto a nivel produtivo polo aumento de custos como a nivel comercial pola crise, a IXP Ternera Gallega experimentou, durante o pasado  exercicio,  un crecemento significativo das súas principais magnitudes, destacando o incremento dun 7,3% na carne comercializada. Así o salientou hoxe o seu presidente, Jesús González Vázquez, durante a presentación das principais cifras do Informe de Actividade do ano 2012 desta Denominación de Calidade.A nivel socioeconómico destacou o crecemento dun 2% do número de gandarías inscritas na IXP, ata acadar as 7.654, unha cifra moi significativa tanto no sector como no contexto rural actual, tendo en conta as perspectivas de continuidade das explotacións e a problemática da súa rendibilidade. Tamén resaltou que os prezos en orixe foron estables e superiores aos dos anos anteriores, cun incremento arredor do 4,2%, o que favorece o mantemento da actividade sectorial.
Crecemento continuado para reactivar o sector agroalimentario galego
Con respecto ao ano 2011, o número de tenreiros rexistrados pola Denominación superou as 116.000 cabezas, cun crecemento do 1,8%;  o número de canais certificadas pola IXP creceu un 6,2%, ata acadar as 84.814; e comercializáronse 18.249 toneladas de carne amparada por Ternera Gallega, o que supón un crecemento do 7,3%.  Sen esquecer as 71 industrias cárnicas e comerciais inscritas na Denominación, unha cifra que aglutina a maior parte das existentes en Galicia.Neste marco de actuación, o volume de negocio en primeira venda, entre a industria e a distribución, acadou os 99,2 millóns de euros no ano 2012, cun crecemento do 8,7%, cifra que evidencia a importancia das operacións que se levan a cabo e o valor engadido que achega Ternera Gallega ao sector de vacún de carne en Galicia.Ademais, no apartado de control, principal función e responsabilidade da IXP, realizáronse 21.998 inspeccións, tomáronse 2.702 mostras e fixéronse 5.105 análises e 3.337 probas de ADN. Cifras que evidencian o rigoroso programa de control integral activado por Ternera Gallega para facer o seguimento dos tenreiros desde o seu nacemento ata que chega a carne aos consumidores, controlando a orixe, raza, proceso de crianza, alimentación, sacrificio, etiquetado e distribución aos establecementos para a venda ao público.No relativo á distribución xeográfica, un ano máis, Lugo continúa sendo a provincia de maior importancia na Denominación, concentrando o 77% das explotacións inscritas, o 62% dos tenreiros rexistrados e o 57% das canais certificadas.
Referente de comercialización a nivel estatal
A colaboración que leva a cabo a IXP Ternera Gallega cos puntos de venda, xunto co esforzo promocional que realiza, contribúe á súa expansión e consolidación comercial por toda España, facendo posible que na actualidade signifique arredor do 50% da carne que se comercializa a nivel estatal con Denominación, que para máis do 50% dos consumidores sexa a mellor carne e que estea presente en máis de 1.250 establecementos, todos eles coa imaxe corporativa da IXP.Véndese principalmente en supermercados, que representan o 71% do total, e tamén en carnicerías e grandes superficies. O seu consumo repártese entre Galicia (46%), o resto de España (53%) e a exportación, que representa o 1%, consolidando o seu crecemento no Levante, Cataluña e zona Centro.
2012: o ano das IV eleccións ao Consello Regulador, do desenvolvemento do convenio con Acruga e do reforzo do Plan de regularización produtiva
Durante o pasado exercicio 2012, no plano produtivo e comercial cómpre salientar o desenvolvemento do convenio, asinado no ano 2011, entre Ternera Gallega e Acruga que permitiu pór no mercado a marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, así como a realización da primeira campaña promocional da devandita marca para potenciar e mellorar a súa comercialización. Continuouse co Plan de regularización produtiva de Ternera Gallega para planificar os partos e ter unha produción máis regular e constante ao longo do ano, o que favorece a comercialización e os prezos en orixe. Tamén se realizaron campañas de medios e actividades promocionais para mellorar a comercialización da carne de vacún de calidade da IXP.A nivel regulamentario e normativo, tiveron lugar as IV eleccións ao Consello Regulador para a renovación dos seus membros e a actualización do Manual de Calidade da IXP e a validación por parte de ENAC da Acreditación como entidade certificadora para a carne de vacún, segundo a Norma Europea 45011, baixo criterios de transparencia, rigor, fiabilidade e control. Por último, a nivel de comunicación e información, a Denominación realizou o catálogo corporativo de Ternera Gallega e mantivo a edición das súas publicacións (revista e newsletter) para informar puntualmente das novas do sector a todos os inscritos na IXP e demais interesados.
2013: máis control, máis calidade e novos acordos de colaboración coa distribución
Ternera Gallega afronta o exercicio 2013 cun plan de actuacións para manter a liña de valorización do sector. Por iso contempla, entre outras accións, a actualización do programa de control da IXP de acordo co seu Regulamento, co Manual de Calidade e no marco da Norma Europea 45011, unha vez acadada a acreditación outorgada por ENAC.Continuarase coa potenciación no mercado da marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega; realizaranse estudos de investigación sobre a calidade da carne amparada pola IXP e a súa mellora produtiva e comercial; fomentaranse, de acordo co novo Regulamento, os produtos elaborados e semielaborados con carne certificada e activaranse novos convenios de colaboración con carniceiros e cadeas de distribución.Ademais a IXP continuará co seu Plan de regularización produtiva, fundamental para poder abastecer o mercado ao longo do ano; realizará campañas promocionais e de información aos consumidores que lle permitan aproveitar novas oportunidades de mercado, principalmente a nivel estatal; e manterá o seu compromiso co sector e coa sociedade en xeral, colaborando con organizacións benéficas, ONGs, entidades deportivas e asociacións culturais. Todo isto sen esquecer a súa colaboración coa Administración en proxectos de investigación sectoriais e mantendo a súa participación na tramitación das axudas aos gandeiros para programas de calidade, posibilitando que máis do 90% deles se beneficien destas subvencións.