Xantar 2013 sabe a Ternera Gallega

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega foi un dos protagonistas destacados da décimo cuarta edición do Salón Galego de Gastronomía e Turismo, Xantar 2013, que se celebrou en Ourense. Da man do chef do Hotel Balneario Lobios Caldaria, Domingo González Lorenzo, a Denominación foi o ingrediente principal dun dos pratos que se elaboranron o venres: bombón de Ternera Gallega con xelatina de castañas e mel de Galicia, croqueta de grelos e redución de licor de cacao con crocante de piña. E tamén foi o produto estrela das receitas que prepararon os alumnos do Centro de Hostalería e Turismo IES Vilamarín o sábado. Tres foron as creacións estrela: mini brochetas de Ternera Gallega braseada, queixo en tempura e pan de froitos secos, mini canelóns de Ternera Gallega recheos de grelos e queixo e mini hamburguesa de Ternera Gallega, folla de carballo, cebola caramelizada e tomate cherry confitado. Os asistentes puideron degustar máis de 1.000 “petiscos” destas receitas ao longo da xornada.A participación no Salón do Centro de Hostalaría e Turismo IES Vilamarín, consolidada ano tras ano, ten unha dobre vertente como actividade didáctica e transversal que consegue involucrar o alumnado de tal xeito que son eles mesmos os que se responsabilizan dos labores de organización, promoción e coordinación do “stand”. Permitindo pois achegar a teoría das aulas ao traballo de campo da realidade laboral.A cita con Xantar resulta ineludible todos os anos por estas datas, congregando a miles de asistentes e transformando o recinto Expourense nun gran centro de restauración. Ademais da promoción

da gastronomía, Xantar é tamén o punto de encontro dos recursos turísticos das rexións que participan neste salón. Sen saír do recinto feiral, o visitante pode coñecer os atractivos naturais, arquitectónicos, históricos e gastronómicos dos distintos puntos xeográficos promovidos por organismos públicos (concellos, deputacións, padroados de turismo, etc.) que acoden a esta convocatoria procedentes de toda España e de Portugal.