Rosa Quintana: “O nome de Galicia asociado aos produtos alimentarios
Rosa Quintana: “O nome de Galicia asociado aos produtos alimentarios é sinónimo de calidade, tradición e autenticidade”
(mediorural.xunta.es 15/03/2013) A conselleira do Medio Rural e do Mar presidiu a comida de confraternidade que cada ano celebran os consellos reguladores de Galicia. A conselleira agradeceu o traballo e esforzo dos consellos reguladores polo seu labor de promoción, logrando que os nosos produtos de calidade traspasen fronteiras e sexan recoñecidos nos mercados exteriores. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presidiu este mediodía en Vilagarcía de Arousa a comida anual de confraternidade dos consellos reguladores de Galicia, onde destacou que “o nome de Galicia asociado aos produtos alimentarios é sinónimo de calidade, tradición e autenticidade”. Rosa Quintana felicitou aos consellos reguladores polo seu labor de promoción, logrando que os nosos produtos de calidade traspasen fronteiras e sexan recoñecidos nos mercados exteriores.
A titular de Medio Rural e Mar agradeceu tamén o mérito destes organismos, que garanten a especial calidade ligada ao medio e aos sistemas tradicionais de produción dos produtos que se comercializan baixo o seu selo. Un mérito que ven asociado a un esforzo e traballo continuo por elevar o prestixio -sen perder nin un ápice de calidade- duns produtos que representan á Galicia e aos galegos. Rosa Quintana destacou que Galicia é unha terra onde a calidade e a variedade dos seus produtos, o respecto ás súas tradicións culinarias, a innovación constante e o traballo que, día a día, realizan os profesionais da cociña, conforman toda unha filosofía que converteu á gastronomía galega nun importante motor da economía galega. Un éxito que alcanza a súa máxima expresión naqueles produtos con características que só son posibles grazas ao entorno natural e ás habilidades dos produtores. A conselleira felicitou aos organizadores da comida, que este ano recaeu no Consello Regulador do Mexillón de Galicia, e a todos os participantes pola súa involucración a prol dos nosos produtos de calidade.