A Xunta incrementa nun 75% os beneficiarios das axudas para plans de mellora

A Xunta incrementa nun 75% os beneficiarios das axudas para plans de mellora na convocatoria deste ano 2013 

(mediorural.xunta.es 14/03/2013) A directora xeral de Produción Agropecuaria manifestou na Comisión 7ª que a redución no importe máximo da subvención permite aumentar o número de expedientes aprobados, pasando de 356 a 625 explotacións beneficiarias . O secretario xeral de Medio Rural e Montes deu conta da afección provocada polos incendios acontecidos en marzo e agosto de 2012 nos municipios da Capela e O Barco de Valdeorras.

A Consellería do Medio Rural e do Mar incrementou nun 75% os beneficiarios das axudas para plans de mellora na convocatoria deste ano 2013, pasando así de 356 a 625 explotacións beneficiarias destas subvencións. Así o expuxo hoxe na Comisión 7ª a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, quen manifestou que a redución do importe máximo de ditas subvencións permite que máis gandeiros e agricultores se poidan adherir a esta liña de axudas. Deste xeito, os 625 expedientes aprobados recibirán unha axuda media do 38,8% do investimento, que supón unha cantidade de máis de 26.000 euros de media por expediente, sendo a axuda total dos expedientes aprobados superior aos 16,5 millóns de euros. Deste xeito, e mantendo as condicións dos últimos anos, beneficiáronse un grupo moi importante de explotacións que, doutra forma, quedarían á marxe destas axudas, co obxectivo de valorizar o agro galego. 

Incendios forestais

O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, deu conta nesta Comisión da afección dos incendios acontecidos en marzo e agosto de 2012 nos municipios da Capela (A Coruña) e O Barco de Valdeorras (Ourense). No caso do lume do Barco de Valdeorras, o secretario xeral lembrou que os afectados puideron acollerse ás axudas postas en marcha polo Goberno do estado destinadas a paliar os danos producidos polos incendios forestais e outras catástrofes naturais. Neste sentido dixo que arestora hai 3 expedientes de axudas que están en tramitación. En relación ao incendio da Capela, Fernández-Couto explicou que todos os parques naturais teñen a posibilidade de acollerse ás liñas específicas de axudas, que son xestionadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Ademais cómpre recordar que existen outras liñas xerais de axudas para novas plantacións e traballos silvícolas, que son tramitadas.