A Xunta promociona os produtos galegos do agro e do mar no Salón Gourmets de Madrid

(mediorural.xunta.es 09/04/2013) O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, visitou a feira e asistiu á degustación de receitas das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Castaña de Galicia. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural e do Mar apoia ás 35 empresas galegas e aos 22 consellos reguladores de produtos da agroalimentación presentes neste certame. A Xunta promociona os produtos galegos do agro e do mar na XXVII edición do Salón de Gourmets 2013 de Madrid, que se celebra dende onte e ata o 11 de abril no recinto feiral Juan Carlos I do IFEMA de Madrid e que está considerado como un dos eventos máis importantes de Europa de alimentos e bebidas de alta gama. Hoxe, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, visita a feira que mañá tamén contará coa presenza do secretario xeral do Mar, Juan Maneiro. Ambos apoiarán ás 35 empresas galegas e aos 22 consellos reguladores de produtos da agroalimentación presentes neste certame. Para potenciar e dar a coñecer a calidade dos produtos da pesca, da acuicultura e do agro de Galicia nesta feira de produtos de alta gama, tanto no mercado español como no europeo, o departamento que dirixe Rosa Quintana conta cun stand institucional de 504 metros cadrados no que se celebran diferentes degustacións e actividades de promoción. Este mediodía o secretario xeral de Medio Rural e Montes, asistirá á degustación de receitas das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Castaña de Galicia, acompañadas por caldos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ademais mañá, o secretario xeral de Mar, Juan Maneiro, asistirá á mostra de receitas elaboradas con vieira das rías galegas e IXP Pataca de

Galicia acompañadas de viños da D.O. Rías Baixas. urante todas as xornadas da feira no stand da Consellería hai programadas actividades de presentación e degustación dos produtos do agro e do mar galego.