A Xunta puxo a disposición do sector primario galego 233 millóns de euros
A Xunta puxo a disposición do sector primario galego 233 millóns de euros dende a aprobación dos orzamentos
(mediorural.xunta.es 09/04/2013) A conselleira do Medio Rural e do Mar sinalou no Parlamento que esta cifra supón a metade do que contempla o orzamento deste ano para investimentos e axudas. O obxectivo das liñas de axuda promovidas pola Consellería do Medio Rural e do Mar é fomentar a actividade agrogandeira, forestal e marítimo-pesqueira. No ámbito do mar, Rosa Quintana lembrou os 3,1 millóns de euros da Orde publicada onte e destinada a recuperar zonas con perda de produción para o marisqueo. En relación ao rural, salientou a publicación onte no DOG da Orde pola que se aproban 49 proxectos dinamizadores, cunha achega de 1,6 millóns de euros. Tamén sinalou que están a punto de se publicar as ordes de axudas para aportar liquidez ás explotacións agrogandeiras, por importe de case medio millón de euros. Nun mes desde a aprobación dos orzamentos de 2013, a Xunta xa foi quen de poñer a disposición do sector primario galego arredor de 233 millóns de euros para impulsar a xeración de riqueza e emprego neste eido produtivo. Esta cifra representa a metade do que contempla o orzamento deste ano para investimentos e axudas. Así o explicou este mediodía a conselleira do
Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, diante do pleno do Parlamento galego, na súa comparecencia para dar conta das liñas xerais de actuación do seu departamento na presente lexislatura. A conselleira repasou as últimas liñas de axudas de Medio Rural e Mar destinadas a fomentar a actividade agrogandeira, forestal e marítimo-pesqueira e incidiu en que son unha realidade que se reflicte coa súa publicación no Diario Oficial de
Galicia. Así, no ámbito do mar lembrou os 3,1 millóns de euros da Orde publicada onte e destinada a recuperar zonas con perda de produción para o marisqueo. Ademais, a conselleira comprometeuse a iniciar, en menos de dous meses, a redacción do Plan Estratéxico da Pesca, e lembrou a aprobación polo Consello da Xunta da declaración de supramunicipalidade do Plan Director da Acuicultura Litoral de Galicia. En relación ao rural, Rosa Quintana salientou iniciativas como a publicación, onte mesmo, no DOG, da Orde pola que se aproban 49 proxectos dinamizadores, cunha achega de 1,6 millóns de euros. Tamén sinalou que están a punto de se publicar as ordes de axudas para aportar liquidez ás explotacións agrogandeiras, por importe de case medio millón de euros e que xa están en marcha as subvencións para a promoción dos produtos de calidade agroalimentaria, por valor de 2 millóns de euros. Outras medidas destacadas tamén pola conselleira foron a Orde –xa publicada– de axudas para mellorar as estruturas de transformación e comercialización dos seus produtos e da agricultura, por importe de preto de 20 millóns de euros, ou as normas que regulan as axudas para as asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira e que están a piques de ser publicadas. A maiores, nos eidos normativo e administrativo, a titular de Medio Rural e Mar lembrou que o seu departamento está debatendo co sector o borrador da Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia e que asinou un convenio co Ministerio de Facenda para xestionar 6.000 hectáreas de terras de propietarios descoñecidos.
Emprego e riqueza no rural e no mar
Rosa Quintana fixo fincapé en que o cometido destas actuacións é a búsqueda da produtividade do medio rural e mariño a través da xeración de emprego e riqueza e incidiu en que o rural e o mar de Galicia teñen futuro. Neste sentido, puxo como exemplo da procura de emprego e riqueza os máis de 245 empregos creados e os máis de 786 consolidados ao abeiro dos proxectos LEADER, que serán finalizados en 2013 e as 1.000 hectáreas de castiñeiros que a Consellería do Medio Rural e do Mar pretende ordenar ou plantar anualmente nesta lexislatura.