O DOG publica a convocatoria de axudas para o fomento das razas autóctonas galegas
(mediorural.xunta.es 11/04/2013) Estas subvencións van dirixidas a organizacións ou asociacións de criadores sen ánimo de lucro. O prazo de presentación de solicitudes é de un mes contado a partir de mañá, día seguinte á publicación desta norma no Diario Oficial de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2013 as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte á publicación desta orde no DOG. Estas axudas van dirixidas a organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que cumpran unha serie de requisitos, entre os que se atopan o feito de carecer de ánimo de lucro ou estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas.As actuacións que poden ser obxecto de subvención son, por exemplo, a creación ou mantemento de libros xenealóxicos ou as que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza.
Contías
A contía total da subvención non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade. Tampouco poderá ser superior nin ao custo total da actividade obxecto da axuda nin aos límites establecidos pola normativa comunitaria.