Juárez reafirma o apoio ao sector cárnico galego cunha visita á Fonsagrada
(mediorural.xunta.es 04/03/2011) O conselleiro do Medio Rural clausurou unhas xornadas sobre carne de vacún nas que tamén participou a IXP Ternera Gallega celebradas na Fonsagrada.
O titular de Medio Rural destacou o apoio da Xunta, no marco da PAC, aos gandeiros de Galicia en xeral e da montaña luguesa en particular, que se materializou co pago de case 6 millóns de euros en 2010 en diversas axudas só na comarca da Fonsagrada
Xornada sobre carne de vacún
O programa da estadía de Samuel Juárez na Fonsagrada completouse coa clausura dunha xornada sobre “Os retos do sector da carne de vacún”. Neste foro, o titular do Medio Rural destacou o apoio da Xunta, no marco da PAC, aos gandeiros de Galicia en xeral e da montaña luguesa en particular, que se materializou co pago de case 6 millóns de euros en 2010 en diversas axudas só na comarca da Fonsagrada.
Juárez salientou que a produción de carne de vacún baseada na utilización de superficies de pastos é unha actividade agraria que permite obter produtos de calidade, que contribúe ao desenvolvemento da comunidade rural e ademais é un apoio importante no coidado do medio ambiente.
Engadiu ademais que esta actividade desenvólvese nunha alta porcentaxe en zonas de montaña e desfavorecidas, como é o caso da Fonsagrada, que teñen nisto unha dificultade engadida para que as explotacións acaden a rendibilidade necesaria para manterse nunha actividade produtiva necesaria para o mantemento do territorio e para goce do resto da sociedade. Por este motivo, Juárez considerou un acerto ter elixido A Fonsagrada como lugar para analizar os retos do sector da Carne de vacún.
Para fomentar esta actividade, o conselleiro explicou que a Consellería, no marco da Política Agraria Común, pon a disposición dos gandeiros de Galicia distintos tipos de axudas a este sector. No ano natural de 2010, na comarca da Fonsagrada, o importe dos pagamentos foi de case 5,9 millóns de euros, dos que 4,15 corresponderon ao propio municipio fonsagradino, 1,62 millóns ao de Baleira e 0,12 ao de Negueira de Muñiz.
Contrato de Explotación Sustentable
No seu discurso neste foro, Samuel Juárez referiuse tamén ás medidas agroambientais xestionadas no marco do Contrato de Explotación Sustentable. Dixo que teñen por obxectivo fomentar modelos de produción agrogandeira sustentables, como a produción de carne vacún baseada en pastos permanentes, nos que os produtores deben cumprir determinados compromisos durante un período de cinco anos e que dan lugar a custos adicionais. Advertiu ademais que “obteñen rendementos menores que no caso das producións mais intensivas, polo que deben ser compensados”.
A Indemnización compensatoria ten como obxectivo axudar tamén aos agricultores que teñen a actividade agraria como principal e que desenvolven a mesma en zonas agrícolas de montaña ou outras áreas desfavorecidas, polas condicións desfavorables nas que están producindo.
Neste período de programación 2007-2013 téñense publicado as convocatorias dos anos 2008, 2009 e 2010. Como xa ten anunciado a Consellería do Medio Rural, as axudas do ano 2010 aprobaranse proximamente, así como as ampliacións solicitadas por aquelas persoas físicas ou xurídicas que xa eran beneficiarias do CES en anos anteriores. Nesta liña, Juárez salientou que “todas as solicitudes que cumpren os requisitos, así como aquelas solicitudes pendentes, van a ser pagadas” destacando ademais que a Consellería vai a seguir aprobando as solicitudes ata o límite que marca o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.
Anticipo
O conselleiro do Medio Rural anunciou na Fonsagrada que xa neste ano 2011 o venres da vindeira semana transferirase aos gandeiros con vacas nutrices de Galicia un anticipo da prima da campaña 2010 por un valor total de 11.739.194 euros, dos que 525.740 corresponderán a 334 gandeiros deste concello da montaña luguesa, sendo necesario para o pago do resto da axuda que o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño determine o importe unitario exacto a aplicar en función dos animais con dereito a prima a nivel de toda España e as dispoñibilidades orzamentarias, estando previsto este pago para o vindeiro mes de xuño.
O pago total das axudas agroambientais beneficia en toda Galicia a preto de catro mil explotacións agrícolas e gandeiras, por un importe total que supera os 15 millóns de euros.