A Xunta destina 800.000 € para indemnizacións, axudas ao lucro cesante e reposición de gando

A Xunta destina 800.000 euros para indemnizacións, axudas ao lucro cesante e reposición de gando bovino, ovino e cabrún
(medioruralemar.xunta.es 06/05/2013) A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 800.000 euros para a concesión de indemnizacións, axudas ao lucro cesante e axudas á reposición de gando para o ano 2013, así o publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. Deste orzamento, 500.000 euros son para as indemnizacións e 300.000 euros para as axudas de lucro cesante e de reposición de gando. Estas indemnizacións e axudas van dirixidas a paliar as perdas, como consecuencia da aplicación de programas e actuacións oficiais de sanidade animal, tales como as causadas por tuberculose bovina, brucelose bovina, ovina e cabrúa; salmonelose aviar ou encefalopatías esponxiformes transmisibles (EEB e tembladeira).No caso das indemnizacións, e

dentro do obxecto da orde, tamén se inclúen as derivadas de actuacións, tratamentos ou manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, realizadas no marco dos citados programas sanitarios.Nas explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, dada a súa estrutura produtiva en Galicia, establecéronse como mecanismos de compensación complementaria as axudas ao lucro cesante. Estas van destinadas a aquelas explotacións en que se fai un baleiro sanitario por sacrificio preventivo e destrución de todos os seus animais e que, ademais, asumen un período de inactividade produtiva ata que os servizos veterinarios oficiais autorizan a reintrodución de animais na explotación.Por outra banda, para aqueles casos nos que coas indemnizacións por

sacrificio obrigatorio non se acada o valor de adquisición de novos animais similares aos sacrificados, considerouse necesario establecer axudas para favorecer a reposición do gando sacrificado obrigatoriamente.A orde contempla a tramitación de todas as indemnizacións, axudas ao lucro cesante e axudas á reposición do ano 2012 que quedaron pendentes, ademais de todas as que correspondan ao ano 2013.