Ternera Gallega orgullosa da súa etiqueta…. Suprema
A Indicación Xeográfica Protexida dálle continuidade á campaña promocional “Unha carne de etiqueta”, centrando a mensaxe na súa categoría Suprema.
Como continuación á campaña publicitaria e promocional en medios exteriores que lanzou a mediados do pasado mes de febreiro, a IXP Ternera Gallega vén de pór en marcha unha nova iniciativa centrada agora na categoría Suprema. O obxecto é reforzar a imaxe de calidade da Denominación, aumentar a súa notoriedade, mellorar o grao de coñecemento da Indicación Xeográfica Protexida e fomentar o seu consumo. Neste caso da carne de Ternera Gallega Suprema, aquela que procede de tenreiros criados en explotacións tradicionais, cuxa base de alimentación é a lactancia materna.
Baixo o eslogan “Sabes como sabe? Suprema de Ternera Gallega, unha carne de etiqueta”, a actividade consiste na localización de carteis nas traseiras integrais e laterais das liñas máis significativas dos autobuses urbanos nas principais cidades de Galicia: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Esta campaña estará reforzada ademais nos establecementos colaboradores, mediante elementos de imaxe internos que lembren as cualidades propias de Ternera Gallega Suprema, como por exemplo a súa gran xugosidade, excelente tenrura e un sabor característico e diferente que a fan única.
A importancia da carne con carné
Outro dos obxectivos prioritarios que persegue o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega con esta campaña é lembrar a importancia das características diferenciais da carne amparada pola Denominación. A etiqueta como distintivo serve para que o consumidor poida identificar, recoñecer e esixir a carne de vacún de calidade, mediante os elementos de certificación que caracterizan tanto a categoría Ternera Gallega como a de Ternera Gallega Suprema.