A Xunta apoia o programa de consolidación e diversificación da raza rubia galega

A Xunta apoia o programa de consolidación e diversificación da raza rubia galega a prol da súa constante mellora xenética
(medioruralemar 05/06/2013) A directora xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, Patricia Ulloa, visitou hoxe en Lugo as instalacións da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega – ACRUGA. Nesta visita, a directora xeral reafirmou o compromiso da Xunta a prol do programa de consolidación e diversificación desta raza, co obxecto de intensificar os traballos de selección dos reprodutores e dos apareamentos para recuperar a variabilidade xenética e apuntalar os seus parámetros produtivos característicos. Tamén, para obter descendentes machos de alto valor xenético, e formar un núcleo de reprodutoras de élite con carácter de doadoras de embrións, no que participen directamente as ganderías de Rubia Galega.
A Rubia Galega é a raza autóctona máis característica de Galicia, e mantén un axeitado equilibrio socio-económico, cultural e mediambiental co seu territorio orixinal.
A Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) é a entidade recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente para a xestión do libro xenealóxico da raza Rubia Galega, e como tal figura incluída no rexistro xeral de asociacións de razas puras. Ademais, a entidade é responsable do desenvolvemento do Programa de Mellora, encargándose da conservación, valoración e selección da raza, así como do seu fomento, promoción, difusión e expansión
Para o desenvolvemento do programa de selección de machos reprodutores, ACRUGA conta cun Centro de Testaxe en Adai (O Corgo, Lugo), que xunto a Xenética Fontao, en Lugo, son responsables das probas de valoración dos sementais e a elaboración de doses seminais.