A Xunta destina 1,7 millóns á implantación de servizos de asesoramento nas explotacións

A Xunta destina 1,7 millóns á implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución e ao asesoramento para titulares de explotacións agrarias
(medioruralemar.xunta.es 07/06/2013) A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 1,7 millóns de euros á implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución e ao asesoramento para titulares de explotacións agrarias. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as ordes polas que se establecen as bases que regulan estas subvencións. As axudas de implantación de servizos de asesoramento van dirixidas a entidades privadas sen ánimo de lucro ou cooperativas ou, en ambos os supostos, as súas unións ou federacións, agás as agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG), as agrupacións de agricultores para tratamentos integrados na agricultura (Atria), e as agrupacións de defensa fitosanitaria (ADF), así como as súas unións ou agrupacións.
No caso de implantación de servizos de xestión poderán ser beneficiarias as empresas, cooperativas e entidades asociativas do sector agrario que teñan a previa autorización da Consellería do Medio Rural e do Mar para exercer esa actividade. Para as axudas de substitución poderán ser beneficiarias as cooperativas ou entidades asociativas do sector agrario e tamén as empresas que implanten servizos de substitución, sempre e cando cumpran os requisitos que especifica o DOG.
O obxectivo destas achegas é sufragar os gastos precisos para a posta en marcha de servizos de asesoramento, xestión e substitución, subvencionándose os gastos para a contratación de persoal así como para a adquisición de bens inventariables nos dous primeiros tipos de servizo. A dotación para estas achegas, cofinanciadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR), é de 80.000 euros para o ano 2013 e de 920.000 euros para o 2014.
Os servizos de asesoramento inclúen a asistencia técnica aos agricultores sobre os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais que deben cumprir nas súas explotacións cando reciben pagamentos directos no marco da política agrícola común. Tamén asesoramento sobre a posta en marcha do contrato de explotación sustentable (CES) e seguridade laboral, entre outros aspectos. Os servizos de xestión comprenden a realización de programas técnicos e específicos no ámbito da agricultura sustentable ou da xestión zootécnica.
Por outra banda, o financiamento dos servizos de substitución ten como obxectivo a contratación de axentes de substitución que realicen as actividades propias e específicas da explotación agraria, para a substitución do titular ou titulares e traballadores da explotación durante os períodos habituais de descanso, baixa de maternidade, baixa por enfermidade, ou a ausencia para realizar actividades de formación.
Axudas asesoramento a titulares de explotacións
Con estas achegas os titulares de explotacións agrarias poderán sufragar os gastos orixinados polos servizos prestados polas Entidades de Asesoramento. As axudas van destinadas a agricultores que acudan a estas entidades para asesorarse sobre os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais que deben cumprir por recibir pagamentos directos no marco da política agrícola común, así como tamén por recibir asesoramento para a posta en marcha do contrato de explotación sustentable (CES), a seguridade laboral, e o asesoramento sobre cambio climático, enerxías renovables, xestión da auga, biodiversidade e reestruturación do sector leiteiro.
A dotación para estas achegas é de 100.000 euros para o ano 2013 e de 600.000 euros para o 2014, podendo ser incrementada con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade autónoma. Estas subvencións serán cofinanciadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR).
Solicitudes
Os interesados en acceder ás axudas deberán presentar unha única solicitude axustada ao modelo normalizado que figura como anexo I de cada unha das ordes, debidamente cuberta e adxuntando a documentación que especifica cada unha das ordes do DOG.
Para a convocatoria de 2013 das axudas de asesoramento, xestión e substitución o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado dende mañá. No caso das axudas de asesoramento a titulares de explotacións o prazo será dun mes contado dende o 5 de xuño.
Poderá presentarse de xeito presencial, preferentemente nos rexistros das oficinas agrarias comarcais utilizando os impresos indicados que tamén estarán a disposición dos interesados nestas oficinas. A solicitude tamén se poderá presentar electronicamente no enderezo da Xunta: https://sede.xunta.es. Neste caso a documentación que debe ir xunto coa solicitude, poderá anexarse mediante arquivos informáticos, que o solicitante deberá obter como copias dixitalizadas a partir dos documentos orixinais.