Ternera Gallega, Eroski e Vegalsa acordan a comercialización de 4 millóns de quilos de carne da IXP

Mediante o convenio entre a Indicación Xeográfica Protexida e as compañías de distribución alimentaria, que ten alcance estatal e amplía a colaboración que manteñen xa desde hai máis de 15 anos. Esta cooperación pon de manifesto a aposta conxunta por sumar esforzos e iniciativas para fomentar o coñecemento e o consumo da carne de vacún de calidade certificada por Ternera Gallega.
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e as compañías de distribución alimentaria Grupo Eroski e Vegalsa-Eroski asinaron un convenio, de alcance estatal, que potencia a colaboración existente desde hai máis de 15 anos entre estas entidades. Un acordo que lles permite sumar esforzos para fomentar o coñecemento e o consumo da carne de vacún amparada pola IXP entre as asociacións, institucións e consumidores en xeral, e entre os clientes de Eroski, en particular.  Ao acto de sinatura, presidido pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo, asistiron o presidente de Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González Iglesias, e o secretario xeral de Eroski, Mikel Larrea Azpeitia. Coa aplicación deste convenio, que terá unha duración de tres anos (2013, 2014 e 2015), prorrogables, Vegalsa e Grupo Eroski prevén unha comercialización de catro millóns de quilos de Ternera Gallega durante o presente exercicio e agardan poder aumentar esta tendencia a curto prazo ata alcanzar polo menos os cinco millóns de quilos.
Garantía de calidade
Esta colaboración permitirá vender a carne de vacún de calidade certificada pola Denominación nos establecementos de Vegalsa e Grupo Eroski a nivel estatal tanto en bandexa nos liñais como en corte tradicional en carnicería e mostrador tradicional.
No caso da carne de Ternera Gallega que se comercializa en bandexa, Vegalsa e Grupo Eroski venderana nos liñais dos seus establecementos en toda España; e como mostra da súa aposta pola carne da IXP, comercializarana, salvo en Cataluña e Navarra, en condicións de exclusividade, coas etiquetas Ternera Gallega Eroski Natur e Ternera Gallega Suprema Eroski Natur. A carne presentarase en porción-cliente, debidamente envasada, certificada e etiquetada en orixe, así como diferenciada e separada doutras carnes de vacún nos liñais.
Por outra banda, a carne da IXP que se comercializa en corte tradicional venderase nas carnicerías de todos os establecementos de Vegalsa e Grupo Eroski en toda España; e particularmente nas Comunidades Autónomas de Galicia, Asturias e Castela e León tamén a comercializarán en condicións de exclusividade, correctamente identificada co etiquetado propio de Ternera Gallega.
No marco deste convenio, Ternera Gallega será a encargada do control e seguimento da carne que certifica en todos os establecementos de Vegalsa e Grupo Eroski a nivel estatal, tanto a comercializada baixo a marca Eroski Natur como a comercializada co etiquetado propio da IXP (xa sexa Ternera Gallega ou Ternera Gallega Suprema).
Isto débese a que o labor de control constitúe a principal función e responsabilidade da Denominación, xa que é imprescindible para ofrecer a máxima garantía aos consumidores. De aí que no ano 2005, a IXP comezase a aplicar xa probas de ADN para asegurar a trazabilidade da carne que ampara, pudendo relacionar así en todo momento a carne certificada presente en calquera punto de venda coa súa canal de procedencia. E tamén que a finais do ano 2011, a IXP acadase a acreditación de ENAC, como entidade de certificación no marco da Norma Europea EN-45011.
Pola súa parte, tanto Vegalsa como Grupo Eroski, comprométense a vender en máis de 700 establecementos a carne amparada pola Denominación, ben ao corte tradicional en mostrador ou en bandexa nos liñais, dependendo dos distintos tipos de establecemento, debidamente diferenciada e etiquetada para que o consumidor poida identificar e comprar a carne amparada pola IXP. 
Maior visibilidade no punto de venda
Para reforzar a imaxe de calidade da Denominación e mellorar o seu grao de coñecemento, Ternera Gallega facilitará a súa imaxe corporativa aos establecementos de Vegalsa e Grupo Eroski, contribuíndo así a aumentar visualmente a súa notoriedade e identificación neles.
Ademais, para fomentar o seu consumo, ambas entidades realizarán actividades promocionais e informativas orientadas aos consumidores na súa aposta pola dieta equilibrada, os hábitos saudables e a seguridade alimentaria.
Para asegurar o cumprimento do convenio crearase unha comisión de seguimento formada por dous representantes de cada entidade, que serán os encargados de analizar anualmente o correcto discorrer desta colaboración.