

Lugo, 12 de setembro de 2009
ACTOS CONMEMORATIVOS XX ANIVERSARIO DA IXP TERNERA GALLEGA
No marco do XX aniversario de Ternera Gallega, a IXP reuniu en Lugo a máis de 1.000 persoas na súa II Festa Exaltación. Un acto que estivo precedido da celebración das VII Xornadas Técnicas da Denominación, organizadas por sétimo ano consecutivo e desenvolvidas só en horario de mañá. Os relatorios, centrados esta edición nos avances obtidos na mellora xenética da raza Rubia Gallega; no proxecto da Rede Nacional de Granxas Típicas (RENGRATI) e na produción de carne en Galicia no marco da reforma da PAC contaron cun rotundo éxito de participación, avalado por máis de 350 persoas, entre gandeiros, profesionais do sector e consumidores.
VII Xornadas Técnicas
Os avances na mellora xenética da raza Rubia Gallega, a cargo da secretaria executiva de ACRUGA, Ángeles Moreno Grande, abriu a quenda de relatorios cunha exposición sobre as características da raza Rubia Galega, a máis representativa do noso agro; a súa evolución, consideración e aplicación do programa de cría. Moreno Grande explicou cómo os bos índices produtivos desta raza se ven acompañados por excelentes resultados en rendementos cualitativos. Non só proporciona, dixo: 'índices produtivos e carnes de moi alta calidade, senón que está demostrado, a través de diversos traballos científicos, que o cruce entre Rubia Gallega e outras razas mellora considerablemente os parámetros de produtivos e cárnicos”. Ángeles Moreno asegurou que a clave do éxito no manexo da raza Rubia Gallega radica 'na implicación dos gandeiros no programa de cría, cada vez máis concienciados coa importancia xenética do seu gando e que explotan os animais vinculándoos ao medio para potenciar as súas peculiares características, que despois se verán reflectidas na satisfacción do consumidor”, concluíu.
O xefe de sección de vacún de carne da Subdirección Xeral de Produtos Gandeiros do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Omar del Río Fernández, abordou a análise técnico-económica nas explotacións de vacún de carne, centrándose no proxecto RENGRATI, acrónimo que se corresponde con Red Nacional de Granjas Típicas. Trátase dunha rede de institucións e persoas que participan no desenvolvemento dun sistema de información económico mediante a actualización dunha base de datos para os sectores de vacún (leite, cebo e nodriza) e ovino (carne). Está baseado no concepto de granxa típica, definida en base ao sistema de produción máis común de cada rexión, que é validada polos chamados paneis rexionais, formados por persoas de diferentes perfís (grupos de xestión, departamentos técnicos de cooperativas...) que funcionan como centro de discusión e validación de resultados.
Entre as principais vantaxes do programa Rengrati destacan: o feito de ser un proceso de obtención e tratamento de datos normalizado, que permite comparalos a nivel nacional e internacional. É un sistema probado durante anos, de eficacia demostrada e utilizado por multitude de países. O seguir unha sistemática avalada por unha rede internacional de solvencia aos informes de resultados que poden ser utilizados para defender estratexias ou políticas sectoriais en foros internacionais. O software e os protocolos utilizados están en permanente revisión por parte do grupo de expertos internacionais, o que permite un proceso contino de actualización, mellora e adaptación aos cambios.
O director xeral de Produción Agropecuaria, da Consellería do Medio Rural, José Álvarez Robledo, pechou o ciclo de conferencias, falando sobre a produción de carne en Galicia no marco da reforma da Política Agraria Común e achegando, entre outras, as seguintes conclusións: as axudas directas da PAC aínda supoñen un importante apoio económico ao sector da carne de vacún. A PAC evoluciona cara a un sistema de axudas desligadas da produción, aínda que o vacún de carne é un sector sensible que precisa de axudas ligadas á produción. Prevense axudas específicas para os agricultores en función de aspectos como a calidade, a comercialización, a protección e a mellora do medio ambiente. Manterase ligada a prima por sacrificio ata 2012 e a prima por vaca nutriz. Os pagos adicionais actuais a vacas nutrices e ao vacún de calidade manteranse no novo marco comunitario. A tendencia no futuro é a simplificar a xestión das axudas en función das bases de datos da Administración.
II Festa Exaltación
A II Festa Exaltación de Ternera Gallega deulle continuidade á primeira edición celebrada no 2007 na Fonsagrada. Ademais do carácter gastronómico e culinario do acto principal do xantar de exaltación da carne certificada pola IXP, que reuniu a máis dun millar de persoas, a celebración deulle cabida á exposición, concurso e poxa de gando de raza Rubia Gallega, no que colaborou a Asociación de Criadores de Gando Vacuno Selector de raza Rubia Gallega (ACRUGA).
O concurso de gando premiou aqueles exemplares e gandarías máis salientables, concedendo así sete galardóns ás categorías de 'mellor touro” (á gandaría de Manuel López Pereiro), 'mellor xovenco” (á gandaría de Jesús Varela Mourelle), 'mellor vaca” (á gandaría de Antolín Alonso Arias), 'mellor xovenca” (á gandaría de Esperanza Taboada Vázquez), 'mellor tenreira” (á gandaría de Juana Besteiro Otero), 'mellor gandaría” (á gandaría de Jesús Varela Mourelle) e 'mellor exemplar de Rubia Gallega” (á gandaría de Manuel Jesús Díaz Fernández). Así mesmo, fíxose entrega dun recoñecemento a ACRUGA pola súa colaboración e de diversos obsequios en agradecemento á participación das gandarías na exposición de gando.
Trala entrega de premios tivo lugar a intervención de autoridades. O Conselleiro do Medio Rural, Samuel Júarez Casado, destacou a 'impagable contribución da IXP á mellora do agro galego”, felicitando explicitamente a todos cantos fixeron posible 'esta fermosa realidade que acada xa os vinte anos de historia. Aos gandeiros, co seu labor ás veces non suficientemente valorado; aos industriais, que fixeron unha aposta decidida pola calidade como ferramenta de éxito para unha acertada comercialización do produto e á sociedade galega no seu conxunto, por dispoñer dun dos selos de maior prestixio en Europa no que se refire a carne de vacún”. Juárez Casado reiterou o compromiso da Xunta de Galicia en xeral e do departamento que dirixe en particular con 'Ternera Gallega e cos produtos de calidade” porque 'a aposta seria e constante por dotar de valor engadido as nosas producións é a súa mellor garantía de futuro”, concluíu.
Pola súa banda, o presidente da IXP, Jesús González Vázquez, manifestou o seu agradecemento ás autoridades de todas as administracións e a todos os asistentes, gandeiros, industriais, técnicos, distribuidores, etc, polo apoio e esforzo brindados neste vinte anos de actividade e facer posible 'que Ternera Gallega sexa tanto o maior como o mellor expoñente da carne de vacún de calidade producida e certificada en España”. González Vázquez asegurou que a IXP é un exemplo de crecemento progresivo nun contexto de profundos cambios: 'foron 20 anos nos que se realizou un esforzo constante para lograr diferenciar debidamente a carne de vacún producida en Galicia, recuperar o seu prestixio e situala no lugar que lle corresponde no marco da Unión Europea”.
Jesús González aproveitou taménpara resaltar o esforzo realizado en materia de control, trazabilidade e promoción e manifestou o seu desexo de que o XX aniversario da Denominación sirva como punto de partida cara o futuro. 'Facer máis rendibles as explotacións e xerar máis credibilidade é a base da confianza en Ternera Gallega. Asumir retos estratéxicos, como o relevo xeracional, unido á formación e á profesionalización do agro; incrementar a produción e conseguir que todos os tenreiros que identificamos cheguen aos mercados”, son algunhas das materias pendentes, en palabras do presidente da Denominación, que ha de seguir sendo o baluarte do sector de vacún de carne de calidade en Galicia, gracias tamén á colaboración da Administración autonómica, sendo necesario que 'tramite ante a Unión Europea a modificación do Regulamento da IXP, que foi acordada por unanimidade de todos os vogais do Consello Regulador, no marco da Lei 2/2005, de Promoción e Defensa da Calidade Galega, e acadar así a acreditación como entidade certificadora por parte de ENAC, en base ao cumprimento da Norma Europea 45011”. Jesús González concluiu o seu discurso facendo mención ao fundador da IXP, Maximino Viaño, destacando a súa constante dedicación persoal, que fixo posible dispór, a día de hoxe, dunha denominación de calidade como é Ternera Gallega.
O ecuador da Festa estivo marcado polo Xantar Exaltación da IXP Ternera Gallega. Os comensais puideron gozar cunha comida baseada na carne con indicativo de calidade amparada por esta Denominación, así como doutros produtos típicos da gastronomía galega. O programa de actividades continuou pola tarde coa actuación humorística de Os dous de sempre e pola actuación musical do grupo folk lugués, María Castaña, encargado de pór o broche final á xornada.
Os eventos contaron co patrocinio e colaboración da Xunta de Galicia, Conselleria do Medio Rural, da Deputación Provincial de Lugo e Inludes da área de cultura da vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, do Concello de Lugo, da Fundación Caixa Galicia, de Caixa Rural Galega, de Pfizer Salud Animal, de Agroseguro, de Acruga, de Nanta, de Xenética Fontao e de La Voz de Galicia.