Momán degusta Ternera Gallega

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega foi a protagonista das IV Xornadas da Carne ao Caldeiro, celebradas o pasado sábado 19 de marzo, na parroquia xermadesa de Momán. Unha cita que reuniu a máis de 300 asistentes que puideron degustar preto de 300 quilos de Ternera Gallega, nun acto que busca honrar a carne autóctona, en concreto a de procedencia chairega.
Durante a festa gastronómica serviuse un menú composto por entremeses, empanada e carne ao caldeiro,  o prato estrela da xornada, exaltado polo pregoeiro desta edición, o ex secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Fernando Amarelo de Castro. Ao longo do seu discurso, eloxiou as múltiples posibilidades culinarias ideadas para saborear a carne amparada pola Denominación, destacando a calidade dun produto “que non precisa aditivos externos ou aderezos especiais dado que é o seu sabor quen lle dá a esencia, e o xugo, a súa extraordinaria calidade”, afirmou.
Unha cita, organizada polo concello de Xermade e a cooperativa Xertigán, en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá e Ternera Gallega, que se consolida ano tras ano, sumando comensais. Comensais que, durante o transcurso do xantar, participaron ademais no sorteo de varios lotes de carne, así como na subasta dunha tenreira de raza Rubia Gallega.