O novo regulamento da IXP e a alianza con Acruga centran a exposición de Ternera Gallega en Lugo

No marco das xornadas de vacún de carne organizadas pola Confederación de Cooperativas Agrarias de España, coa colaboración de AGACA e Caixa Rural Galega.
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega participou, o pasado venres 18 de marzo, en Lugo, nas xornadas de vacún de carne organizadas pola Confederación de Cooperativas Agrarias de España en colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e Caixa Rural Galega.
A Denominación estivo representada polo seu presidente, Jesús González Vázquez, que foi o encargado de explicarlles aos asistentes as principais novidades do novo Regulamento da IXP e do seu Consello Regulador, recentemente aprobado, tanto a nivel funcional e organizativo como normativo, técnico e produtivo.
E polo director de Promoción e Relacións Externas de Ternera Gallega, Luís Vázquez, quen fixo mención específica a “Carne de  Rubia Gallega” no marco da IXP. Ao longo da súa intervención aludiu ao convenio de colaboración subscrito, o pasado mes de novembro, en Lugo, coa Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA). Un acordo froito da pretensión de ambas entidades de unir forzas para desenvolver e potenciar o sistema de produción da categoría Ternera Gallega Suprema, mellorando así a comercialización da Carne de raza Rubia Gallega, en base ao carácter específico diferenciador da xenética desta raza acreditada por Acruga.