Ternera Gallega comeza a comercializarse con certificado de Benestar Animal 

O Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia presentou esta mañá a Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega, que define “como un paso máis no seu esforzo constante por ofrecerlle aos consumidores as máximas garantías sobre a orixe e a calidade da carne certificada pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, e sobre a súa obtención mediante uns sistemas produtivos onde o cuidado dos animais e o respecto do seu benestar é unha cuestión primordial”, segundo palabras de Jesús González Vázquez, presidente do Consello. 

A presentación da Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega tivo lugar en Santiago de Compostela, nun acto con asistencia presencial e online por streaming, que foi presidido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, José Luís Cabarcos Corral, e no que participaron directivos do Consello Regulador, representantes do sector e medios de comunicación de toda España. 

Esta nova iniciativa púxose en marcha a finais do ano 2019, cando o Consello Regulador tomou a decisión de certificar o benestar animal nas explotacións gandeiras, no transporte dos animais e nas industrias inscritas na IXP Ternera Gallega. Durante o ano 2020, aprobáronse as súas directrices e comezouse a implantar desde o pasado outono, seguindo as especificacións de benestar animal definidas polo Farm Animal Welfare Council e polo propio regulamento da IXP, que xa establece uns requisitos mínimos de acordo coa tradición cárnica galega e co recollido na lexislación vixente, que se veñen verificando desde hai anos. 

Coa nova Certificación, o Consello Regulador dá un paso máis e define unhas condicións de benestar animal máis amplas e específicas para os tenreiros inscritos, detallando o seu sistema de control e certificación. Ternera Gallega quere dar así resposta á crecente demanda da distribución e dos consumidores, cada vez máis preocupados pola crianza e o cuidado dos animais, e tamén situarse na liña marcada pola Unión Europea na estratexia “Da granxa á mesa” prevista na nova PAC, para que a sociedade teña acceso a alimentos que se obteñen cumprindo altos estándares de seguridade, calidade e benestar animal. 

A Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega céntrase na observación e avaliación dos animais e do seu estado e comportamento. Os inspectores do Consello Regulador auditan o 100 % das ganderías e industrias inscritas na IXP, e no proceso de certificación séguense os criterios da norma UNE-EN ISO/IEC 17065. Compróbase:

  • Que os animais dispoñen de alimentos en cantidade suficiente, adaptados á súa idade e en bo estado, e que non presentan signos de desnutrición.
  • Que tamén dispoñen de bebedeiros suficientes e auga en abundancia e limpa.
  • Que as condicións ambientais de humidade, temperatura e ventilación son correctas e que os animais contan con protección fronte ás correntes de aire e os insectos.
  • A competencia e dedicación do persoal, a supervisión e coidado diario dos animais e que o libro de tratamentos e demais documentación está ao día.
  • O estado de conservación e as dimensións das instalacións (cortes, patios, mangas de manexo,...), de forma que os animais se poidan mover libremente e non haxa elementos construtivos que lles causen danos. Tamén a limpeza das instalacións, o tipo de materiais utilizados, a iluminación, o nº de animais por lote e a súa densidade.
  • Que os animais están limpos, que se tratan axiña no caso de enfermidades ou lesións, a existencia de lazareto, a duración da corentena, as prácticas de desinfección que se realizan e que non hai restricións prolongadas do movemento dos animais.
  • A ausencia de lesións, feridas ou síntomas que poidan ser indicativos de deficiencias no manexo dos animais ou no seu estado sanitario.
  • O comportamento dos animais, valorando as interaccións entre eles e coas persoas. Obsérvase se están tranquilos ou nerviosos, se xogan entre eles ou se mostran agresivos, se se achegan ás persoas ou se foxen dos seus coidadores, etc.
  • Nas industrias inscritas na IXP, avalíase o transporte e compróbase o estado dos animais, as instalacións, o manexo, o atordamento e a competencia do persoal.

En total, son cando menos 66 parámetros, que no caso de incumprimento poden dar lugar a incidencias e non conformidades. Nese caso, os afectados disporán dun prazo determinado para aplicar medidas correctoras e arranxar as deficiencias observadas. Se non o fixeran así, perderían a Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega.

Pola contra, o seu cumprimento, avalado polo control do Consello, vai permitir o uso da mención Benestar Animal Ternera Gallega na etiquetaxe da carne, aportando seguridade e transparencia aos consumidores sobre o sistema de produción. En consecuencia, unha vez desenvolvida e implantada a nova certificación, en abril de 2021 chega ao mercado a carne amparada pola IXP, tamén etiquetada co logo de Benestar Animal Ternera Gallega.