Origen España leva a televisión a campaña “Abre los ojos. ¡Disfruta!”

Co obxectivo de achegar aos consumidores os selos IXP e DOP e os seus valores e significado, Origen España estrea nas televisións nacionais a campaña “Abre los ojos ¡Disfruta!”. Durante as próximas semanas, os espectadores poderán ver dous spots de diferentes duracións, nos que ademais de facer fincapé nestes selos para facilitar que se recoñezan no mercado, tamén se repasan todos os alimentos que contan con este aval europeo de calidade.

A campaña enmárcase nun contexto actual, marcado polas videochamadas, e tira de humor para “poñer os ollos coma pratos” aos consumidores, gracias á calidade e excelencia dos produtos agroalimentarios españois con Indicación Xeográfica Protexida ou con Denominación de Orixe. 

Ademais da súa difusión televisiva, Origen España tamén levará a campaña a formatos display e anuncios online durante todo o mes de setembro e contará con reedicións no trimestre final do ano. “Abre los ojos. ¡Disfruta!” é un proxecto de 3 anos de duración e cofinanciado pola Unión Europea nun 70 %.

O valor das IXP e DOP

A asociación Origen España engloba a 75 denominacións de calidade de todo o país, cunha representatividade de máis do 80 % en relación co valor económico total das IXP e DOP españolas. O seu labor consiste na promoción dos alimentos con selo de calidade para que os consumidores os coñezan e saiban distinguilos no mercado, ademais de informalos sobre a súa importancia para manter vivo o medio rural xa que estes produtos, con especial vinculación á súa zona de orixe, xeran un volume de negocio de máis de 1.640 millóns de euros.