O Consello Regulador mantén un encontro formativo con carnicerías galegas

Continuando co seu plan de formación, dirixido tanto ao sector da hostalería como á gran distribución e aos puntos de venda tradicionais, o Consello Regulador mantivo a pasada tarde unha reunión co Gremio de Carnicerías de Galicia. Como importantes prescriptores fronte aos consumidores, recibiron formación sobre o sistema de produción e certificación das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego.

Da man do director de Promoción, Luis Vázquez, e do responsable de Puntos de venda, Xosé Manuel Ons, o encontro partiu explicando as cualidades e requisitos que definen unha Indicación Xeográfica Protexida, como selo de calidade respaldado pola Unión Europea. Entrando xa nas características propias de Ternera Gallega, destacouse o aval da súa orixe e o seu sistema tradicional de produción e manexo, ademais das razas e da alimentación que reciben os animais. 

En canto ás cuestións máis próximas e prácticas para o gremio das carnicerías, a formación centrouse nas categorías comerciais da carne amparada e as súas diferencias. Tamén, no sistema de control e de certificación da IXP, resaltando a importancia das etiquetas que acompañan ao produto para garantir a súa autenticidade e evitar posibles fraudes no uso do nome de Galicia ou de Ternera Gallega sobre carne non certificada. Outro dos aspectos a subliñar foi a implantación do certificado de Benestar Animal de Ternera Gallega.

Vaca Galega / Boi Galego

Interesados igualmente no vacún maior, os carniceiros destacaron a demanda deste produto, polo que tamén se lles informou sobre as características da carne amparada pola IXP Vaca Galega / Boi Galego. Pola súa banda, os participantes na reunión constataron que os consumidores cada vez se fixan máis na orixe da carne e, no caso do vacún maior, tamén nas súas razas e nos sistemas de manexo e alimentación.

Con estes encontros fíxanse as bases para que os puntos de venda se sumen aos acordos de colaboración co Consello Regulador e que, baixo o sistema de control das IXP, poidan diferenciarse mediante o seu material de imaxe corporativa. Actualmente, Ternera Gallega xa conta cuns 1.600 establecementos con acordo firmado en toda España, tanto centros da gran distribución como carnicerías tradicionais.