Ternera Gallega volve colaborar coa campaña “Come local” no novo curso escolar

Coas clases xa en marcha nos colexios galegos, regresa a campaña “Come Local”, organizada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, para promover os alimentos con selo IXP e DOP nos comedores escolares. Retómase así esta iniciativa, que arrincara no mes de marzo, nunha vintena de escolas das catro provincias e na que Ternera Gallega participa xunto a outros Consellos Reguladores.  

No vindeiro mes, as actividades da campaña centraranse en celebrar o Día Mundial da Alimentación o 16 de outubro, que nas aulas se conmemorará o día anterior por ser venres. A idea é que os máis cativos coñezan o valor dos produtos de proximidade e con calidade diferenciada e que poidan recoñecer as súas etiquetas para diferencialos. 

Formación a distintos niveis

“Come local” non só se dirixe aos pequenos, tamén aos cociñeiros e responsables dos comedores escolares, que reciben información sobre as IXP e DOP galegas e as súas cualidades nutritivas. Ademais de contar con asesoramento para definir os menús e incorporar estes produtos de calidade de forma continuada, traballouse con eles na xestión de custes para lograr un maior control dos gastos. 

Os profesores tamén recibiron fichas didácticas sobre os selos europeos para incorporalas na súa programación escolar e as ANPAS participan na campaña mediante xogos e concursos.