Inscritos en Ternera Gallega, galardoados nos Premios ao Desenvolvemento Rural

Na 12ª edición dos Premios que outorga a Xunta ao Desenvolvemento Rural, soou en dúas ocasións o nome de Ternera Gallega. Dous inscritos na IXP, tanto a nivel de produción como de grosistas e retallistas, foron galardoados polo seu labor a prol dos avances e melloras no medio rural galego. 

Na categoría de Paisaxe rural, resultou gañadora a cooperativa de carne A Carqueixa, que agrupa a gandeiros de Ternera Gallega e que está inscrita na Indicación Xeográfica Protexida como grosista e retallista. Destaca por agrupar a máis de 200 socios e xestionar 2200 hectáreas de terreo nos Ancares. 

No ámbito da gandería, recibiu o premio Dolores Vázquez, inscrita na IXP desde hai máis de 25 anos e que produce carne da categoría Ternera Gallega Suprema. Foi galardoada na categoría de Recuperación e posta en valor da terra agraria, polo seu labor contra o abandono e a favor da mobilización de terras. 

Tamén se viu recoñecido o traballo de BOAGA, pola súa defensa e potenciación das razas gandeiras autóctonas galegas en perigo de extinción, que tamén se ven amparadas no Regulamento das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego. 

Outras categorías premiadas

En canto á Innovación tecnolóxica, o premio recaeu en Innogando, un proxecto de mellora da calidade de vida do gando e dos gandeiros mediante un asistente virtual para as explotacións de vacún, que se basea na monitorización da xeolocalización e das actividades que realizan as reses.

Na categoría de mocidade, premiouse ao aloxamento Abeiro da Loba, situado no Camiño Norte a Santiago. A Asociación Ámbar destacou no ámbito dos proxectos de interese social, por ser un colectivo pioneiro no Barbanza no traballo polos dereitos das persoas con diversidade funcional desde 1982. 

No eido do Turismo, o galardón foi para o GDR Mariñas Betanzos, pola súa xestión da reserva da biosfera Mariñas coruñesas e terras do Mandeo. E o premio na categoría de Mulleres recoñeceu á empresa de cosmética natural Muuhlloa.