O Consello Regulador colaborará na Estratexia da Carne coa Xunta e o sector

As ganderías e as industrias galegas, as cadeas de distribución e as organizacións agrarias comezan a elaborar, da man da Consellería do Medio Rural, a Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia. Un camiño que se iniciaba este mércores nunha xuntanza entre todos os axentes implicados, á que asistiu o presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González.

A Estratexia da Carne busca potenciar o sector cárnico galego, así como os selos de calidade como Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego; e tamén promover unha produción sostible, que aposte polo benestar animal e por sistemas de produción respectuosos coa contorna. Cuestións que o Consello Regulador tamén toma por bandeira e que se traduciron na Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega iniciada esta primavera.

Nesta primeira reunión, o conselleiro do Medio Rural, José González, apuntou a necesidade de garantir o futuro do sector cárnico promovendo a remuda xeracional en explotacións rendibles, mellorando o nivel de transformación da industria, potenciando a comercialización e xerando valor engadido en todos os puntos da cadea. 

A Estratexia do sector cárnico, que será coordinada pola Fundación Juana de Vega, tamén se orientará a promocionar a calidade da carne galega e a incentivar o seu consumo, tanto da procedente de explotacións de bovino, como das de porcino, avícolas, ovino ou caprino, cunícolas e equinas. Os eidos da formación, da profesionalización e da innovación e investigación serán outros dos aspectos claves deste plan.

Un sector primordial

O sector cárnico resulta estratéxico para Galicia, cun gran impacto no rural, posto que representa case o 33 % do valor da Produción Final Agraria. Con máis de 22.500 toneladas de carne certificada, Ternera Gallega supón o 55 % da carne comercializada con IXP en toda España, significando un valor económico en primeira venda de 126 millóns de euros. 

Os sectores avícola e cunícola galegos tamén se colocan entre os principais produtores a nivel estatal, mentres que as demais producións ofrecen gran potencial de crecemento, segundo indica a Consellería do Medio Rural. 

En resumo, coa reunión deste mércores comeza un proceso de diálogo e debate que se viña demandando desde fai anos no sector, onde se van analizar as circunstancias específicas das diferentes producións cárnicas e as accións nas que traballar nos ámbitos da produción, industria, denominacións de calidade, distribución, mercados e consumo; co obxectivo global de mellorar a realidade do sector cárnico galego e poder afrontar o futuro con garantías.