O Consello Regulador destaca o labor da muller no rural

Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego súmanse á celebración do Día da Muller Rural desde as redes sociais, reivindicando o seu papel na gandería e como motor económico e social do campo galego. Con máis de 3.600 mulleres inscritas nas dúas IXP, o Consello Regulador pon en valor a importancia do seu traballo, non sempre recoñecido.

No campo galego, as mulleres tiveron un papel destacado, pero a veces pouco visible. Sempre foron coidadoras, tanto da casa e da familia como dos animais, aínda que non figurasen elas mesmas como titulares das explotacións. Situación que comezou a mudar hai anos, asumindo as mulleres unha posición clara e máis visible fronte as ganderías. 

Xusto nesa posición sitúase Sandra, gandeira de Ternera Gallega, que desde moi nova xa tomou o relevo da explotación familiar en O Incio. Co seu exemplo, o Consello Regulador quere homenaxear á todas as mulleres inscritas nas IXP e a todas aquelas que contribúen ao futuro do campo galego.

Piar para un rural vivo

O Día da Muller Rural celébrase desde o 2008, co obxectivo de recoñecer o papel clave das mulleres no desenvolvemento, na seguridade alimentaria e na erradicación da pobreza no rural. Este ano a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais fai fincapé nos retos para avanzar en igualdade. Destacan, tamén, a importancia da muller nos coidados e a necesidade de acceder ao mercado laboral e á toma de decisións, tanto a nivel público como privado. 

Precisamente, a iniciativa de Fademur, o Parlamento galego acaba de apoiar, con unanimidade de todos os grupos, a posta en marcha dun estatuto da Muller Rural. O obxectivo da Federación é poñelo en marcha canto antes para rematar, destacan, coa dobre discriminación que padecen as mulleres no campo, tanto por ser mulleres como por vivir no rural.