Ternera Gallega retoma as demostracións técnicas e culinarias en Alemaña

Despois das limitacións impostas pola pandemia, a IXP recupera as súas accións de promoción presenciais en Alemaña, ofrecendo diversas presentacións e masterclass durante esta semana nas cidades de Heinsberg e Hagen. Accións divulgativas que se destinan tanto aos profesionais cárnicos como aos consumidores finais e nas que se poñen en valor as diferentes pezas da carne certificada. 

Este xoves, o delegado de Ternera Gallega en Alemaña, Hans Ulrich Schneider, e o director de Promoción, Luis Vázquez, impartiron unha charla técnica sobre as características da carne certificada e sobre o sistema de control e calidade da IXP, ademais da súa certificación de Benestar Animal. Unha masterclass que tamén incluíu unha demostración culinaria de diferentes cortes singulares, como exemplo da versatilidade do produto. Dirixida ao sector profesional da hostalaría, cátering e restauración e tamén aos carniceiros tradicionais, a actividade realizouse en Heinsberg, na sala de catas da empresa de carnes premium Otto Gourmet, a maior compañía xermana de venta online deste tipo de produto.

Na cidade de Hagen e co cliente final como destinatario, este venres os representantes da IXP celebrarán o Día do Consumidor na cadea de supermercados Rewe Eklöh. Xunto co persoal de carnicería destes establecementos, ofrecerán un showcooking coa carne de Ternera Gallega como protagonista, informando aos clientes da cadea sobre o produto e as mellores técnicas e consellos de cociñado. Os asistentes poderán trasladar as súas consultas sobre a carne e degustar diferentes pezas de Ternera Gallega preparadas in situ.

A axenda da IXP tamén contou con visitas técnicas aos puntos de venda que xa teñen acordo de colaboración firmado co Consello Regulador para a comercialización da carne certificada en Alemaña. 

Estas accións promocionais de Ternera Gallega no país xermano procuran xerar novas oportunidades comerciais para as industrias inscritas, ademais de afianzar e ampliar o número de establecementos con imaxe corporativa, que actualmente ascende a quince.