A carne de Suprema acompaña a feira Outrora de Bóveda

Despois de dous anos, a localidade de Rubián, no concello lugués de Bóveda, recuperou este xoves a súa feira tradicional Outrora, que alcanza xa a décimo oitava edición. Como novidade este ano, ofreceu un showcooking de Ternera Gallega Suprema de man do cociñeiro Santi Almuiña, do restaurante Colón.  

A demostración gastronómica repasou diferentes pezas da carne certificada e diversos tipos de cociñado, de maneira que os asistentes puideron coñecer a versatilidade culinaria de Ternera Gallega. Para un prato sinxelo e fresco para o verán, o cociñeiro presentou un tataky feito coa croca. Na grella, os cortes escollidos foron o medallón de vacío, o rabiño de croca e a tapa da pa (llana). E para rematar, un bocadillo de guiso de xarrete con escalivada. As propostas acompañáronse con outros alimentos galegos con selo de calidade, como Pataca de Galicia ou queixo San Simón da Costa.

Durante o showcooking, o director de Promoción de Ternera Gallega, Luis Vázquez, explicou o significado do selo Indicación Xeográfica Protexida, ademais do método tradicional de produción, o tipo de animais inscritos e a súa alimentación, destacando as cualidades específicas da categoría Suprema. Tamén destacou a importancia de que os consumidores se fixen nas súas etiquetas para recoñecer no mercado a carne certificada e evitar confusións.

O saber tradicional

Ao igual que os gandeiros da IXP manteñen as tradicións do vacún da nosa comunidade, a feira Outrora pon en valor a artesanía tradicional galega, expoñendo as creacións de varios asociados da fundación pública Artesanía de Galicia. Tamén contou con diferentes obradoiros para familias e xogos e música tradicionais.