A IXP Ternera Gallega implementará a tecnoloxía dixital na súa cadea de valor en coordinación coa Fundación Juana de Vega

  • O futuro do sector cárnico con Indicación Xeográfica Protexida pasa pola dixitalización. Será máis competitiva e sostible social, económica e ambientalmente grazas á implantación da tecnoloxía dixital a través deste traballo coordinado pola Fundación Juana de Vega. 
  • O proxecto enmárcase no Plan de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia e está financiado pola Consellería do Medio Rural. 
  • Crearase unha plataforma web para acceder e xestionar datos, desenvolver tarefas formativas e automatizar fluxos de información, entre outras accións que redundarán na mellora do posicionamento no sector. 

Co obxectivo de dixitalizar a cadea de valor da produción cárnica con IXP Ternera Gallega, a Fundación Juana de Vega vai coordinar a posta en marcha dun novo Grupo Operativo. Dotado cun financiamento de 176.300 euros a través da Consellería do Medio Rural e do seu Plan de Desenvolvemento Rural,  na iniciativa participan -ademais da Fundación Juana de Vega- a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). 

A iniciativa de implantar tecnoloxías dixitais na cadea de valor da produción cárnica con Indicación Xeográfica Protexida débese á intención de facilitar a consecución dos obxectivos de sostibilidade establecidos no Pacto Verde Europeo e na Estratexia da Granxa á Mesa. Do mesmo xeito, a creación deste Grupo Operativo facilitará a adaptación dixital da cadea de valor da produción de carne de calidade en Galicia, facendoa máis competitiva e sostible nos próximos anos a nivel económico, social e ambiental. Resólvese así unha das necesidades máis importantes do sector para o futuro. 

Actividade central do proxecto de dixitalización 

A actividade central do proxecto será o desenvolvemento dunha plataforma que integre nunha única aplicación diferentes fontes de datos relevantes para os axentes da cadea de valor da IXP Ternera Gallega. Desta forma, fomentarase a interoperabilidade entre estas fontes de datos e permitirase a súa explotación, tanto polos axentes que integran a cadea de valor como polas administracións públicas competentes. 

É, polo tanto, un primeiro paso para a creación no sector cárnico galego dun ecosistema dixital aberto e transparente, onde os datos e os servizos poidan estar dispoñibles e compartidos nunha contorna de confianza de acordo co Espazo Común Europeo de Datos. A súa implantación irá acompañada dun proceso formativo que permita formar ao sector para facilitar a adopción e un mellor uso desta plataforma, así como das novas tecnoloxías en xeral. 

Que resultados se espera obter? 

O traballo do Grupo Operativo reverterá na obtención dos seguintes resultados: 

1. A creación dunha plataforma web/aplicación que permita o acceso e xestión conxunta de diferentes fontes de datos, tanto públicas como privadas, relevantes na cadea de valor da IXP Ternera Gallega. 

2. Posta en marcha dun completo programa de formación deseñado para formar aos axentes relevantes da cadea de valor da IXP nas novas estratexias europeas e no uso das novas tecnoloxías vinculadas á explotación de datos. Isto permitirá unha maior e mellor adopción da plataforma deseñada e contribuirá a complementar o coñecemento e a crear as capacidades necesarias para desencadear o proceso de innovación e dixitalización da cadea de valor. Prestarase especial atención á participación da mocidade e das mulleres e fomentaranse mecanismos de intercambio de coñecemento entre iguais. 

3. Organización dun piloto de demostración e actividades de difusión para dar a coñecer os resultados e destacar a capacidade da plataforma de desenvolvemento para facilitar a toma de decisións baseada en datos. 

4. Mellora da xestión interna da información das entidades implicadas, mediante a implantación de plans de mellora e/ou solucións tecnolóxicas e/ou automatización dos fluxos de información, necesarias para garantir a interoperabilidade coa plataforma.