Comeza o proceso de eleccións ao Consello Regulador 

As eleccións ao órgano de goberno da IXP Ternera Gallega e da IXP Vaca Galega-Boi Galego coinciden coas doutros 14 consellos reguladores, tal e como publica no DOG a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convoca o proceso e se fixan as normas para a renovación destas entidades. 

Segundo o calendario establecido pola Xunta, dende hoxe e ata o 15 de novembro, as organizacións profesionais agrarias, asociacións e cooperativas relacionadas coa actividade das denominacións de calidade, poderán presentar candidaturas a vogais da Xunta Electoral. Debe facerse na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo da Consellería do Medio Rural (Santiago de Compostela), mediante solicitude acompañada da documentación requirida.

O 21 de novembro designaranse os membros da Xunta Electoral, mediante resolución do director da Agacal, e haberá 2 días para poder interpor recurso ante o conselleiro do Medio Rural, que resolverá a máis tardar o 28. De xeito que a Xunta Electoral constituirase o día 30.

Censos e candidaturas

Respecto aos censos electorais, deberán ser elaborados por cada consello regulador seguindo as instrucións da orde, poñéndoos a exposición entre o 2 e o 14 de decembro. Neste período, os interesados poderán formular reclamacións ante o correspondente consello regulador, que deberá resolvelas antes do 21 de decembro. Contra estas resolucións, os interesados poderán formular recurso ante a Xunta Electoral ata o 26 de decembro e resolverase a máis tardar o 3 de xaneiro do 2023. 

En relación ás candidaturas, entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro poderán presentarse candidaturas ante cada consello regulador e o día 27 de xaneiro a Xunta Electoral fará a súa proclamación definitiva. Unha vez que a Xunta Electoral proclame as candidaturas, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso e a Xunta Electoral proclamará como vogais os candidatos propostos. 

As votacións

No que se refire á campaña electoral, dará inicio o 3 de febreiro e finalizará o 17, para dar paso ás votacións o 19. O 21 de febreiro proclamaranse os vogais electos pola Xunta Electoral e, tras a presentación e resolución dos pertinentes recursos, a toma de posesión producirase entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023.

Eleccións en 15 consellos reguladores

Segundo indica a orde, ademais do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, haberá eleccións nas DO vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; no Consello Regulador das IX das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; nas DOP Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; nas IXP Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia e no CRAEGA.

O mandato prorrógase nos órganos de goberno das DOP Cebreiro e Pemento de Herbón e das IXP Lacón Gallego, Faba de Lourenzá, Grelos de Galicia, Tarta de Santiago, Pemento do Couto e Pemento da Arnoia. Estas prórrogas débense a dificultade de formación de candidaturas polo escaso número de inscritos (pouco máis do 2 % do total de operadores en réximes de calidade) e ao baixo volume de actividade (inferior ao 0,5% das producións con selo).