Pezas singulares de Ternera Gallega Suprema e de Vaca Galega Selección en Xantar

O Consello Regulador participou no 23ª Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, en Ourense, onde promocionou as carnes amparadas de Suprema e de Vaca Galega en dúas demostracións culinarias impartidas este domingo. A riqueza dos diferentes cortes do vacún de calidade e a versatilidade que ofrecen na cociña foron o fío condutor de ambos showcookings, aos que asistiu máis de medio centenar de persoas. 

Nesta edición de Xantar, as IXP contaron coa colaboración do colectivo de chefs Cociña Ourense. Pedro Pérez Gómez encargouse dos pratos de Ternera Gallega Suprema, empregando pezas que outorgan resultados gastronómicos á altura das máis recoñecidas. No canto de utilizar o típico solombo para elaborar un tartar, optou por un corte dos máis versátiles: a croca. Para a prancha, presentou un medallón de vacío e unha tapa da pa; unha peza que tamén cociñou a baixa temperatura con Fabas de Lourenzá, demostrando como un mesmo corte permite usos culinarios moi diferentes.

No showcooking da IXP Vaca Galega-Boi Galego, a protagonista foi a carne certificada de Vaca Galega Selección, referencia que se aplica a aqueles canais que destacan polo seu grao de infiltración e de cobertura graxa de cor amarela. Co obxectivo de saborear os matices do vacún maior en comparación coa carne de animais novos, o chef Marco Varela (Restaurante Sábrego-Casal de Armán, Ribadavia) tamén preparou un tartar, elaborado, neste caso, co centro de man e xunto a un crocante de Pan de Cea. Presentou o vacío en dúas pezas: nun medallón con Grelos de Galicia e boletus e en bavette con crema de San Simón da Costa e Castaña de Galicia. Como remate, un brioche con xarrete e carpaccio de tapa da pa.

Divulgación sobre as IXP

Ambas demostracións culinarias acompañáronse de diferentes consellos sobre as pezas, a importancia do temperado, a maduración da carne ou o sentido do corte. Ademais, o público asistente puido coñecer o sistema de produción de cada unha das IXP, tanto o tipo de animais e o seu método de crianza como a súa alimentación e condicións de benestar. Tamén se explicou o programa de control e trazabilidade que aplica o Consello Regulador en todas as fases da cadea, destacando a importancia das etiquetas que acompañan ao produto para que os consumidores saiban recoñecelo no mercado.

Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego formaron parte, un ano máis, de Xantar; nunha edición na que participaron 165 expositores e que recibiu 16.000 visitas.