A calidade de Ternera Gallega Suprema e de Vaca Galega promociónase en Fitur

Un dos piares do turismo a Galicia fundaméntase na calidade da súa gastronomía e dos alimentos producidos no seu medio rural. Con ese motivo, as carnes certificadas polas IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego estiveron presentes este mércores en Fitur, que se celebra ata o domingo en Madrid. O Consello Regulador ofreceu un skowcooking, con especial protagonismo para as cualidades que diferencian a Ternera Gallega Suprema como unha carne premium.

Ante unha trintena de asistentes, o chef José Manuel Mallón (Espazo Gastronómico Remollo, Ames) exhibiu a moleza e o sabor da carne de Suprema cun percorrido culinario por diferentes pezas e cociñados. Empregou a croca para presentar un Tataki con tomate seco e queixo, antes de pasar á prancha, onde traballou con cortes pouco habituais, como o vacío ou a tapa da pa. Deste xeito, demóstrase que, coa preparación axeitada, estas pezas permiten resultados gastronómicos á altura das máis coñecidas. E como pratos con máis cociñado, o chef ofreceu un rosbif de folla dura en sándwich club e un xarrete.

Carne certificada de Vaca Galega

O vacún maior tamén tivo cabida nesta demostración gastronómica cun entrecosto de Vaca Galega.  Unha oportunidade para incrementar o coñecemento da IXP Vaca Galega-Boi Galego e das súas carnes certificadas, resaltando os seus aromas e o seu engraxamento como adxectivos fundamentais dun produto de gran valor gastronómico, especialmente na restauración e na hostalaría. Este traballo promocional e informativo tamén serve para lograr un dos obxectivos do Consello Regulador: evitar o uso fraudulento do nome de Galicia na comercialización das carnes de vacún.

Labor divulgativo

Con actividades deste tipo, nunha das feiras de turismo máis destacadas a nivel mundial, o Consello Regulador divulga ante diferentes públicos o sistema de produción de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego, recalcando o xeito tradicional no que os gandeiros crían aos seus animais, respectando o benestar animal e favorecendo a sostibilidade económica, social e ambiental do campo. Sendo o rural galego, tamén, un gran atractivo para o turismo.