O semáforo nutricional para os alimentos comezará a funcionar no 2021

Nutriscore, o sistema de etiquetado dos alimentos segundo a súa calidade nutricional, estará en marcha no primeiro cuadrimestre do vindeiro ano. Así o prevé o Ministerio de Consumo, que tras estudar diversos formatos, considera que este semáforo nutricional é o máis axeitado para promover hábitos de alimentación saudables entre os consumidores.

Este etiquetado baséase nunha combinación de cores e letras que identificará os alimentos segundo a cantidade de calorías, graxas saturadas, hidratos, azucres e sal e proteínas por cada 100 gramos. As cores verdes corresponderán aos produtos de maior calidade nutricional e as vermellas, aos de menos.

Aínda que o semáforo nutricional é voluntario posto que a lexislación europea non permite facelo obrigatorio, o Ministerio confía en que a maioría das empresas se sumen a el xa que a concienciación dos consumidores en cuestións alimentarias é cada vez maior. Nutriscore xa funciona en Francia e comezará a usarse tamén en Alemaña e Bélxica.