Ternera Gallega colabora co Festival da Luz xunto con outras IXP e DOP

Cun formato diferente debido á pandemia, o vindeiro 12 de setembro regresa a Boimorto o Festival da Luz, coa intención de reactivar a economía do rural e do sector da cultura. Unha nova edición na que participan os diferentes alimentos galegos con IXP e DOP. Fano a través da AGACAL e ofrecendo material promocional e informativo para dar a coñecer estes produtos e divulgar as súas cualidades entre os asistentes.  

Nesta edición especial “Leiras” e con tódalas medidas preventivas, o público distribuirase en parcelas de 2, 5 e ata 10 persoas, cun aforo total máximo de 500; para gozar, de forma segura, da música en directo. O material divulgativo e o merchandising de Ternera Gallega, xunto cos dos demais selos de calidade, repartiranse nesas leiras co obxectivo de afianzar o coñecemento dos consumidores sobre estes produtos e a súa importancia para o futuro da economía do noso medio rural.

O Festival da Luz non só apoia ao campo galego, tamén ten fins solidarios xa que os fondos recadados destinaranse a Cruz Vermella Responde en Galicia, que axuda ás persoas máis afectadas pola crise provocada pola Covid-19. Aínda que as entradas xa están esgotadas, as persoas interesadas en colaborar cunha doazón poden facelo a través da Leira Solidaria 0 na web do festival.