A campaña “Come local” fomenta os alimentos con selo de calidade nos comedores escolares

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), a través da campaña “Come local”, está a incentivar o consumo de produtos galegos con IXP ou DOP entre os comedores dos colexios. O pasado venres, coincidindo co Día Mundial da Alimentación, comezou esta iniciativa, na que colabora Ternera Gallega xunto con outros selos de calidade axeitados para un menú escolar.

As degustacións destes alimentos con Indicación Xeográfica Protexida ou Denominación de Orixe comezan en quince colexios das provincias de A Coruña e Pontevedra, co obxectivo de amplialas a outros comedores do resto da comunidade. Ademais das degustacións, os alumnos recibirán información audiovisual sobre estes produtos para que coñezan a súa importancia para o futuro do medio rural e para que saiban recoñecelos no mercado gracias as súas etiquetas e logotipos característicos.

A iniciativa tamén procura a participación dos estudantes no concurso internacional de carteis da FAO, dedicado aos “Heroes da Alimentación”. Os alumnos que se animen a enviar o seu debuxo e pertenzan aos colexios que forman parte das actividades de "Come Local", entrarán no sorteo dunha cesta de produtos galegos con certificado de calidade.

Por outra banda, dentro desta campaña, tamén se seguen celebrando os “Xantares de vagar”, uns encontros dirixidos a bloggers e instagramers gastronómicos para difundir nas súas redes sociais os valores das IXP e DOP galegas.