Gómez Noya fala este venres de deporte e alimentación na nosa canle de Youtube

Volven os encontros co embaixador de Ternera Gallega, o campión do mundo de tríatlon Javier Gómez Noya. Despois de varias masterclass presenciais realizadas antes da pandemia, nesta ocasión é unha cita online a través da canle de Youtube da IXP este venres, en directo, desde as 11:30 da mañá. Un coloquio aberto a todos os usuarios; pero no que participan especialmente os alumnos de varios colexios, tanto de Galicia como do resto de España, que poderán trasladar as súas preguntas ao deportista.

Non é a primeira vez que Gómez Noya comparte esta conversa cos máis novos, que soen mostrar interese pola súa traxectoria, as súas rutinas deportivas e o seu futuro profesional. Ademais, fala dos seus hábitos de alimentación, co obxectivo de fomentar entre os rapaces prácticas saudables: unha dieta equilibrada combinada co deporte

O triatleta é imaxe de Ternera Gallega desde principios do 2018. Xuntos xa recorreron varios puntos da xeografía española, como Madrid e Valencia, divulgando a importancia da alimentación e a práctica deportiva. O Consello Regulador apostou por Gómez Noya por representar os valores do traballo, o tesón e a perseveranza, que tamén definen a filosofía e o saber facer dos gandeiros galegos de carne de vacún.